A Coruña celebra as Letras Galegas con música e unha lectura de textos de Fernández del Riego

A Coruña celebra as Letras Galegas con música e unha lectura de textos de Fernández del Riego
Francisco del Riego, homenaxeado nas Letras de 2023

A lectura pública de textos de Francisco Fernández del Riego será mañá o acto central da programación promovida polo Concello para a celebración do Día das Letras Galegas.


Durante toda a xornada, en horario de mañá e tarde, os xardíns de Méndez Núñez serán o escenario de múltiples actividades dentro da Semana C programada polo Concello e que ten a xornada de mañá mércores como día final da programación prevista para os Xardíns.


A celebración do Día das Letras Galegas este mércores terá unha chea de actividades nas que se mesturarán literatura, artesanía, música, bailes tradicionais e que terá como acto central a lectura pública de textos de Francisco Fernández del Riego, persoeiro ao que está dedicado este día. Será ás 12.30 horas, aínda que os actos iniciaranse xa ás 11.00 horas e terán continuidade pola tarde a partir das 18.00 horas.
 

Serán as agrupacións folclóricas e culturais Aturuxo, Donaire e Son d'aquí as que abran as actividades desde as 11.00 horas e, despois da lectura de textos de Francisco Fernández del Riego, a programación da mañá rematará coa presenza de Cántigas da Terra e o espectáculo poético musical “Chulísima”, con Aldaolado, dúo poético formado polas poetas María Lado e Lucía Aldao.


Pola tarde, desde as 18.00 horas, haberá tempo para a literatura, co faladoiro “A Coruña literaria”, no que participarán Carmela Galego, Jorge Castro e María Xosé Bravo, para a historia, co faladoiro “A Cidade”, coa participación de Felipe Senén e Xosé Alfeirán e coa mestura de poesía e música, cun espectáculo protagonizado pola poeta Lúa Mosquetera e o músico Pablo Seijas.


Durante toda a tarde haberá tamén un obradoiro no que os participantes terán a oportunidade de elaborar pulseiras de coiro.


Ademais, as bibliotecas municipais proseguen coa súa programación especial para celebrar o Día das Letras Galegas. Hoxe a biblioteca de Durán Loriga programará, desde as 18.00 horas, o encontro-obradoiro “Pequena Fauna do Cantigueiro de Cotobade: cantigas, debuxos e pandeiretas”, con David Carballal, para rapaces de entre 5 e 12 anos. Xoves e venres haberá máis actividades nas bibliotecas do Castrillón, Fórum e Ágora, cun concerto final de Abraham Cupeiro o venres ás 21.00 horas no Ágora, actividade organizada tamén polo Servizo de Normalización Lingüística.


O xoves, ademais, a Banda Municipal de Música ofrecerá un concerto especial con motivo do Días das Letras Galegas. Será ás 20.00 horas no Teatro Colón.

 

Ademais, de 13.00 horas a16.00 horas hai organizada unha sardiñada na praza de Azcárraga, mentres que de 13.15 a 14.45 horas celebrarse o concurso de tortillas da Sagrada Familia, cun xurado presidido pola alcaldesa, Inés Rey, e na que estarán tamén xornalistas como o redactor de El Ideal Gallego Guillermo Parga. Por último, ás 19.00 horas a biblioteca do Castrillón acollerá unha charla de Xosé Luis Axeitos.

A Coruña celebra as Letras Galegas con música e unha lectura de textos de Fernández del Riego

Te puede interesar