Tras unha primeira incursión na poesía, Alberto González-Garcés adéntrase agora no mundo dos relatos cun novo libro, ‘Somos o que imaxinamos’ (Medulia), unha obra que presenta esta tarde no lugar máis acaecido, a biblioteca Miguel González-Garcés (19.00 horas), acompañado da directora do centro, Alejandra Mosquera, da xornalista Silvia Tasende e do poeta e editor Xulio Valcárcel.
“A poesía, a verdade, gústame moitísimo, síntome moi identificado con ela, cando escribo poesía sinto que son eu”, apunta González-Garcés, pero matiza: “Escribir poesía tamén é un esforzo incrible, cada vez que escribo un poema, sufro”, di entre risos. Por ese motivo, desta volta apostou polos relatos, nos que mestura ficción e realidade, con historias alleas e vivencias propias, mesturando nas mesmas páxinas o pasado, o presente e o futuro.
Despois da xubilación e cando irrumpiu a pandemia da covid, o poeta e narrador explica que descubriu algo que até ese momento non tiña en exceso: tempo. Con ese valioso regalo debaixo do brazo, “dediqueime a escribir relatos para dúas cousas: para relaxarme e pasalo ben, pero tamén pensando en que podería ser de interese, divertido ou agradable para posibles lectores”.
González-Garcés ten claro que, como o que lle custaba máis era escribir poemas, o salto cara o relato non foi complicado. “Divírteme moito escribir relatos, custoume máis traballo escribir a poesía”, aínda que matiza que tampouco foi unha tarefa doada, xa que detrás de ‘Somos o que imaxinamos’ hai moita documentación e moitas lecturas, sobre todo de clásicos, entre os que o autor cita a ‘Odisea’ ou a ‘Divina Comedia’.
“Partindo dunha realidade, a base de imaxinación van saíndo os relatos, mestúrase o pasado, o presente, o futuro, a realidade, a ficción...”, enumera González-Garcés, que para explicar o corpus da súa obra menta a Borges e a Delibes. “Delibes é moi realista, Borges é a imaxinación. Pero os dous chegan á conclusión de que as cousas suceden como suceden, as cousas poderían acaecer de calquera maneira, pero, ao final, suceden como suceden e todas ocurren agora e me ocurren a min, é moi curioso”, explica cun sorriso.
A raíz destes dous autores e da súa propia nova creación, o escritor teoriza sobre o tempo. “Na proposta do libro, todo vén dun pasado, pero, cando o recordamos, seguramente non foi como o estamos a recordar, está modificado polo recordo. O presente, chega e marcha. E, entre o pasado e o presente, estamos planificando o futuro, para nós e para o noso entorno, incluso para máis alá da nosa existencia. É todo curiosísimo: o pasado está modificado pola imaxinación, polo falseamento dos recordos; o presente escápase das mans e o futuro é o que imaxinamos”, comenta.
O humor tampouco é alleo á nova obra de González-Garcés. É o caso dun dos primeiros relatos, no que o autor pón a Ulises a fundar Muros. “É marabilloso, é simpatiquísimo, pero para chegar aí, hai que ter ben lida a ‘Odisea’, a ‘Divina Comedia’ e outros clásicos”.
Pero o de hoxe non será só un acto de presentación dun libro ao uso. Será tamén unha oportunidade para apoiar unha proposta xurdida hai unhas semanas: a de que se lle adiquen as Letras Galegas ao poeta Miguel González-Garcés, pai de Alberto González-Garcés.
O autor asegura que “aínda que é unha cousa dos académicos”, parécelle unha oportunidade perfecta para que a sociedade se sume á proposta, axudando deste xeito a “que fagan todo o que poidan”. O poeta, nado na Coruña en 1916, faleceu no 89, aos 73 anos. Adicouse á investigación histórica, así como ao xornalismo e á literatura, onde cultivou a poesía.