O Balón de Ouro diante do espello

O Balón de Ouro volve a España medio século despois de que Luis Suárez levara o máximo recoñecemento do fútbol mundial á calidade dun xogador nese deporte. Alexia Putellas, tamén azulgrana, volve poñer ao fútbol español no máis alto. O seu Balón de Ouro, ademais, ten un valor moi especial, porque pon de relevo algo esencial neste século XXI, algo impensable non hai moito tempo: que o deporte feminino vai camiño de ocupar o lugar que lle corresponde. Queda moito por facer en España en materia de igualdade, pero é hora xa de mudar a imaxe do ídolo, esa segundo a cal os nenos soñan con Messi e as nenas non soñan con nada no mundo do fútbol. O século XXI é e será o século das mulleres, e tamén no fútbol levamos tempo vendo como cae o manto de descoñecemento que cubría o deporte feminino, un deporte de trincheira inxustamente tratado e eclipsado polo masculino. Sabémolo ben en Galicia con figuras como Vero Boquete.


Alexia Putellas rompe agora outra barreira e abre á porta a un mundo de mitos reservada ata agora para os homes. Ela é xa un exemplo no que mirarse para moitas deportistas que aspiran a facer do deporte un medio de vida. Por iso é preciso que sexamos quen de valorar o que representa ese galardón, un recoñecemento que nos ten que levar a falar se cadra menos de Messi e máis de Alexia, porque co seu traballo está axudando a rachar estereotipos que levan moito tempo enquistados. O do fútbol era un dos muros que precisaban caer, e é hora de afianzar esa conquista por parte do deporte feminino. Non é un muro calquera, porque o fútbol é o grande escaparate do deporte a nivel mundial, un espectáculo de masas que deixou fóra demasiado tempo á metade das masas. Alexia é xa é un espello no que se miran milleiros de nenas que queren ser como ela, milleiros de nenas que ata agora pensaban que só os nenos tiñan dereito a aspirar a ser Messi. Xa non é así, e entre todos e todas, as Administracións pero tamén a cidadanía, temos que facer forza para que ese avance imparable acelere o seu paso, para que non se pare o que tanto tempo tardou en arrincar.


A igualdade non chega soa, é algo que se gaña, como tantas outras loitas históricas na busca dun mundo máis xusto. O novo Balón de Ouro do fútbol español non é só un recoñecemento persoal, é un paso de xigante nesa loita que, máis pronto que tarde, levará ao deporte feminino a ocupar o posto que merece, un posto que non pode estar nin un centímetro por detrás do deporte masculino. A igualdade, ao final, non só se defende, se demostra e se practica e o Balón de Ouro de Alexia Putellas será unha demostración perfecta de igualdade se somos quen de deixar claro que ese recoñecemento nada ten que envexar ao acadado por Lionel Messi. Mais ben ao contrario.

O Balón de Ouro diante do espello

Te puede interesar