Arqueoloxía da ignominia

|

o vocábulo ignominia, para o dicionario da nosa lingua amosa tres aspectos que todos eles teñen a ver con ese proceso que, no rigor do dano causado e visto o dereito internacional ao efecto, na realidade foi un absoluto xenocidio polo proceso seguido na execución calculada das vítimas do franquismo, no ámbito galego, unha vez producida a sublevación militar a xeito de golpe de estado contra da lexitimidade popular dun goberno, e dun sistema de liberdades e dereitos cidadáns, nacido dun proceso de votación e participación directa da xente. Velaí, ignominia é palabra para sinalar esa cousa que avergonza ou humilla á sensibilidade democrática e humana; é o estado dos verdugos que perderon o respecto da historia pola súa conducta homicida ou, na honra das vítimas, a constatación da acción mala ou inxusta que se comete con alguén; e dicir, con moitos.

Por iso, no marco do deber que nos afecta en materia de Memoria Democrática, é preciso reiterar a exixencia dunha política pública irrenunciable que recoñeza ás mulleres e homes que deron, perderon ou ás que lles foi arrincada, a vida pola liberdade, pola conquista de dereitos sociais ou por ser fieis a un xuramento de fidelidade ao mandato da lexitimidade popular. Persoas con legado, nomes e voces fundamentais para poder contar con rigor a historia e facer acto de xustiza real unha vez sexa reparado o dano moral que sufriron. Memoria como política irrenunciable para facer efectivo o dereito natural e comunitario que obriga á procura de verdade, xustiza, reparación e deber de lembranza como garantía de non repetición dos feitos ignominiosos acaecidos antonte.

Daquela, cun ollo posto no resultado da tramitación parlamentaria do proxecto de Lei de Memoria Democrática que aínda chegou ao Congreso apenas tres semanas atrás, mesmo sabendo das graves carencias que evidencia por ser unha tímida evolución da anterior Lei 52/2007, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas a favor de quen padeceron persecución ou violencia durante a chamada guerra civil e a ditadura franquista, coñecida como Lei de Memoria Histórica; en Vilagarcía comeza a exhumación dos cadáveres que levan oitenta anos na fosa común do cemiterio xeral. Unhas vinte persoas vítimas dun evidente crime de lesa humanidade. É un chanzo no que se fundamenta o proxecto liderado Histagra, da USC, en parcería con outras institucións, de continuidade futura noutros lugares, para dignificar ás vítimas. Histórico. Era hora.

Arqueoloxía da ignominia