Das expectativas

|

Permítanme que asente, xa de entrada, que as expectativas son armas cargadas de decepcións e fracasos. Sucede normalmente porque manexamos puntos de partida afectados por emocións e sentimentos, é dicir, impurezas que dificultan ver a realidade dun horizonte que se antolla moi próximo, cando o certo é que dista demasiado lonxe. As expectativas mudan coas estacións e cos estados de ánimo, e así doadamente pasamos de vencedores a vencidos sen mediar paso por estación intermedia. Ademais a efervescencia ascendente dos estados de opinión desaparecen coa mínima distorsión e, inevitablemente, xurde o desencanto e a desafección. Vivimos soñando realidades hipotéticas e utópicas que nunca dan chegado, especialmente porque confundimos o noso desexo co desexo absoluto, e descubrimos coma os demais nin pensan coma nós, nin senten coma nós, nin razoan da mesma maneira nin coa mesma intensidade. Marcamos umbrais excesivos, e colocamos as luces de gálibo demasiado altas como para que se sexan visibles e recoñecibles no medio e medio das néboas. A realidade acaba por encargarse de reconducir a euforia e devolvernos aos límites que delimitan as nosas existencias. Pero é fermoso que existan todos eses potenciadores de ilusións, os incrementos desa adrenalina que fai mudar as cores dos días e levantar os grises cotiás que debilitan e agochan a esperanza. Coñecer as causas axuda a levar con dignidade as consecuencias, aínda que sabemos que volveremos a caer na mesma pedra, porque aplicaremos novamente receitas similares para males semellantes. Todo isto que tanto nos afecta, tamén serve para os partidos políticos e os seus congresos cheos emoción, memoria, intensidade e marketing de mensaxes medidos e perfectos. Soñamos sempre vidas e futuros mellores. Pero tamén saben vostedes que, en demasiadas ocasións, soñamos moi por riba das nosas posibilidades.


A ferida medra coa distancia –dixo El– e o silencio morno dos outonos. A intimidade sentida agarda na luz escasa dunha ermida...

Das expectativas