Mais de 140 beneficiados na primeira convocatoria para adquirir equipamento

O secretario xeral para o deporte, José Ramón Lete Lasa, con algúns dos beneficiados polas subvencións da Xunta de Galicia | aec
|

O pasado xoves, o Diario Oficial de Galicia publicaba a resolución da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se fan públicas as listaxes definitivas de subvencións a entidades deportivas para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para a adquisición de equipamentos deportivos.


Esta convocatoria contou cun orzamento de 700.000 euros consignados a clubs e federacións cos que se conseguiu material deportivo por valor de preto de 1,3 millóns de euros. O financiamento outorgado polo Goberno galego a é do 80% do gasto subvencionable e que as entidades poden recibir o 100% da subvención de xeito anticipado.


A segunda convocatoria do ano 2021 tamén foi anunciada no DOG do 16 de setembro e contará cun orzamento de 1.910.000 euros, polo que o investimento para o equipamento deportivo de clubs e federacións, acadará neste exercicio os 2,61 millóns, case catro veces máis que o destinado no ano 2020. As solicitudes para este convocatoria poderanse presentar ata o 17 de outubro.


Na primeira convocatoria, as federacións deportivas galegas acadaron un financiamento de 210.000 euros co que adquiriron equipamento por valor de 301.601 euros. En total foron 26 as beneficiadas, das que 11 (xudo e disciplinas asociadas, remo, kickboxing, atletismo, piragüismo, ximnasia, vela, surf, tiro olímpico, baloncesto e actividades subacuáticas) recibiron a máxima contía de 10.000 euros.


Tamén foron subvencionadas as federacións de deporte adaptado (6.547,93 euros), taekwondo (7.648,16 euros), boxeo (8.960 euros), karate e disciplinas asociadas (4.246,66 euros), loita e disciplinas asociadas (6.400 euros), salvamento e socorrismo (9.600 euros), squash (4.173,16 euros), tríatlon e péntatlon moderno (9.758,72 euros), ciclismo (9.975,20 euros), orientación (4.019,09 euros), motonáutica (2.710,40 euros), tenis (7.992 euros), hípica (8.042,14 euros), fútbol (8.859,48 euros) e tiro con arco (1.609,14 euros).


Os clubs recibiron un total de 490.000 euros cos que adquiriron equipamento deportivo por valor de 982.296. Foron subvencionados 119 (52 da Coruña, 49 de Pontevedra, 11 de Lugo e 7 de Ourense), dos que 53 recibiron a máxima contía de 5.000 euros.


A orde de subvencións achega aos clubs e federacións material específico, material non específico e material sanitario, podéndose ampliar a lista de material inventariable sempre que quede xustificada a súa utilización para a práctica deportiva desenvolta.


As entidades que recibiron axuda en 2020 poden volver recibir subvención nalgunha das dúas convocatorias de 2021 ainda que as que non recibiran subvención contan con 10 puntos co obxectivo de achegalas ao máximo de entidades posibles.

Mais de 140 beneficiados na primeira convocatoria para adquirir equipamento