Servidores públicos

|

Dous dos grandes mestres da filosofía, Emilio Lledó e Nuccio Ordine xuntáronse en Madrid e falaron do seu, da formación, da vida, da filosofía e da ciencia, do traballo, da procura do traballo, das ensinanzas para o emprego e educación para a formación de cidadáns, esa que debe proporcionar a universidade, a universidade actual, “máis preocupada por cumprir coa burocracia”, afastándose da nobre tarefa de “ensinar aos novos a soñar”.


Segundo Ordine, a crise sanitaria que afectou a cada un dos pobos do mundo, “é a consecuencia dunha política neoliberal que foi capaz de poñer en risco os piares da dignidade humana, o dereito á saúde e o dereito ao coñecemento” e ao traballo.


O traballo tamén é saúde e axuda ao desenvolvemento, é vida e prolonga as ansias de vivir e de dar vida. E, onde está o traballo? Quen ten traballo ten descanso e descansa, ten ledicia de ver aos seus traballar e medrar, ten a alegría de observar un mundo diferente e, posiblemente, máis competente e máis libre. E non só “libre pra servir / libre pra non ser / libre pra morrer ou libre pra fuxir”, como dicía Uxío Novoneyra na súa “Letanía de Galicia”, de finais da década dos sesenta.


Se o traballo proporciona liberdade, o paro obriga ao sometemento. Aí está unha das lacras que lastran á sociedade actual, que segundo Emilio Lledó ten o mal enraizado “na ignorancia, no egoísmo e na cobiza”. No pensar do filósofo, “unha das graves consecuencias da ignorancia é que provoca odio e agresividade”.


Detrás destas condicións aparece o retroceso e, cando a sociedade recúa, cómpre buscar outro camiño.

A cultura e a formación son dúas ferramentas (ou dúas gallas dunha ferramenta) capaces de impedir o andar cara a atrás. Nas contornas do poder non gustan, tampouco gusta a conciencia crítica, pero, como di a Tía Manuela, é ela quen pode impoñer a xustiza e a verdade, erradicar a corrupción, a mentira, a falsidade e a miseria.


Os intelectuais que participan na acción política deberían reflexionar sobre estas cousas. Errejón e Monedero, as señoras Montero, Casado e Arrimadas, o mesmo Antonio Cantó García del Moral ou calquera outro dos que andan no mesmo, deberían repensar e valorar a súa vontade e a súa capacidade de servidores públicos. Se o fan, parabéns?

Servidores públicos