Da hipocresía

|

Sempre houbo e haberá quen, amparándose nunha posición de privilexio, fale con esa falsa humildade dos que se saben protexidos pola inmunidade do rebaño ao que pertencen. Lobos que visten pel de cordeiro baixo os traxes de marca que definen ese status que desfrutan e que se resisten a perder. É sabido que o Consello Xeral do Poder Xudicial incumpre o mandato constitucional ao non terse renovado como lle correspondía dende o ano 2018. Curiosamente neste fragrante incumprimento da Constitución, contan coa compañía do Partido Popular que, activa e machaconamente, insiste en que non vai a pactar a renovación á que a Constitución lles obriga. Carlos Lesmes, á sazón Presidente que debera levar 1.000 días renovado, segue ao fronte da maniobra e sen propósito da enmenda, na apertura do Ano Xudicial atreveuse a desprezar a tirios e a troianos, sen o menor rubor nin vergoña. E aínda por riba con posicionamentos políticos opoñéndose a decisións que só competen ao Goberno e ao seu Presidente. Facendo gala dunha solemne hipocresía, esixe o acordo e fustiga por igual aos que cumpren e aos que están na posición inamovible de non renovar a institución. Un cinismo que lle permite seguir mantendo un status de intocable e de privilexiado, con vantaxes e distincións que caducaron xa no 2018. Lesmes, disfrazado de agraviado en público, vive sen vivir nel e fai uso dun discurso de honorabilidade non crible e actúa coma se fora portador de valores eternos. Se tiveran vontade real de resolver ese bloqueo, dimitirían e imporían a renovación pola vía dos feitos. Pero non están pola labor. Fóra sempre vai máis frío e perderían presencia, prestixio e privilexios. O demais son escusas de mal pagador.


Acaso a verdade do inmutable explique a lonxanía –dixo El– quizás a néboa húmida dun tempo ilimitado, acabe por facernos liña ou punto elemental nese horizonte simple dunha ausencia...

Da hipocresía