O porto da Coruña é dos coruñeses

Co cambio de milenio o porto exterior da Coruña converteuse nunha realidade. En abril do 2005 colocábase a primeira pedra dun porto que hoxe está operativo, un porto que supón unha notable mellora na seguridade -ao permitir retirar tráficos perigosos da ría-,unha mellora na potencialidade económica -ao multiplicar o espazo portuario dispoñible cos peiraos interiores xa esgotados-, e u unha mellora na calidade urbana, ao liberar grandes superficies pechadas á cidadanía para a súa integración na malla urbana.


Langosteira cumpre xa coas dúas primeiras características, mais o ata o momento non se tiña avanzado na terceira. A grande oportunidade que supón o porto para a cidade semellaba un problema enquistado. Xa non o é. Inés Rey vén de converter de novo os peiraos interiores nunha inmensa oportunidade para a cidade, e o fixo cunha proposta audaz e xenerosa que demostra a sensibilidade da alcaldesa da Coruña cun espazo emblemático desta cidade, mais tamén coas demais Administracións implicadas na transformación do porto. Todo, por suposto, sen renunciar aos principios que sempre defendeu o seu Goberno: o porto é público e así ten que seguir, e teñen que ser os coruñeses os que decidan sobre o seu futuro.


O Concello da Coruña ten recursos suficientes para garantir que Batería e Calvo Sotelo sexan desde xa espazos de carácter municipal e abertos ao desfrute da cidadanía. Coa proposta do Concello de adquirir o 75% do solo gaña a cidade, que disporá así dun espazo cun inmenso potencial para facer da Coruña un lugar aínda máis atractivo, mais tamén gaña a Autoridade Portuaria, necesitada de recursos para facer fronte á súa carga financeira. A proposta feita pola alcaldesa, moi ben acollida tanto pola Autoridade Portuaria como polo Estado, demostra esa necesaria sensibilidade co problema de endebedamento vinculado á obra de Langosteira, mais non supón unha solución definitiva a dito problema nin un cambio de postura sobre o que este Goberno defendeu sempre: é preciso seguir traballando na procura da condonación (ou medidas equivalentes) desa débeda.


Dende A Coruña seguiremos a traballar nesa mesma liña mais dende unha posición inédita nos últimos 18 anos: primeiro conseguiuse a conexión ferroviaria a Langosteira, que garante a operatividade plena do porto exterior, e agora proponse o mecanismo que permite a apertura inmediata dos peiraos á cidadanía garantindo o seu carácter público e deixando no Concello o peso da toma de decisións sobre eses terreos. Nunca se chegara tan lonxe en tan pouco tempo. O porto está a deixar de ser un problema para se converter, de novo, nunha oportunidade. É preciso que o resto das Administracións implicadas suban a este barco. Quen goberna ten que aportar solucións. Inés Rey xa o ten feito.

O porto da Coruña é dos coruñeses

Te puede interesar