España pode

O plan de recuperación, transformación e resilencia, España pode, presentado polo goberno de Pedro Sánchez pasou con nota a avaliación da Comisión Europea que considera que o programa de reformas presentado por España “aporta unha resposta equilibrada á situación económica e social e contribúe a resolver con efectividade os desequilibrios macroeconómicos alertados nos últimos anos”.


A relevancia deste plan e da propia avaliación do organismo europeo, non está só nos 70.000 millóns de euros que Europa transferirá a España nos próximos tres anos, a importancia desta ambiciosa proposta está no programa de reformas estruturais e lexislativas orientadas a aumentar a produtividade e o crecemento do noso país.


Os catro eixos transversais que propón o plan e que centrarán a transformación do conxunto da economía española están alineados coa Axenda 2030 e cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible de Nacións Unidas: a transición ecolóxica, a transformación dixital, a igualdade de xénero e a cohesión social e territorial. En concreto o plan destina un 39,7% dos fondos a impulsar a descarbonización da economía e a apoiar a biodiversidade e un 28,8% a avanzar na dixitalización.


A realidade é que esta crise sanitaria mundial sen precedentes trouxo consigo unha magnífica oportunidade de abordar o tan necesario cambio do noso modelo produtivo, a posibilidade de poñer en marcha a transición cara unha sociedade máis verde e dixital que xere novas oportunidades económicas e co menor coste social posible.


Unha oportunidade única de modernizar o noso país na que chama moito a atención o papel que está a xogar o principal partido da oposición. Non é so que o PP afirmara publicamente que non apoia o plan de reformas impulsado polo goberno español, é que hoxe sabemos que o PP mantivo reunións en Europa, enviou cartas e presentou informes para sementar a desconfianza e impedir que os fondos europeos chegasen ao noso país.


O papel da oposición non pode ser tratar de evitar que cheguen fondos europeos senón achegar ideas na orientación dos mesmos e o máis relevante, velar porque se empreguen con rigor para que realmente sirvan para acabar cos déficits estruturais que ten o noso modelo produtivo.


Nas situacións de crise como a que estamos a vivir e nas que se pode medir a altura dos gobernantes e dirixentes políticos. Na xestión desta pandemia quedou perfectamente demostrado que mentres o goberno traballaba na preparación e presentación do mellor plan posible para afrontar a recuperación económica e abordar o futuro, o Partido Popular estaba centrado no desenvolvemento da estratexia de canto peor, mellor, tratando só de obter réditos electorais e sacar partido dunha crise sen ter a capacidade de facer unha oposición responsable e útil que axudara a mellorar o traballo que está a facer o goberno. Porque no momento actual, non nos xogamos só a saída dunha crise, xogámonos o futuro do noso país. 

España pode

Te puede interesar