Onde hai que asinar?

|

Se alguén me encomendase a elaboración das liñas mestras dun programa educativo encamiñado a converterse en lei penso que os contidos deste non diferirían moito dos que, polo que puiden ler e escoitar, en materia educativa se recollen no programa do PSOE para as próximas eleccións. 
Sigo sendo lector afecto do Karl Marx de Tréveris, tan actual en tantas cousas, o tocante á relixión unha delas: “Sie ist das Opium des Volkes”. Velaí o pobo (Volk) co seu opio, como co seu auto (Wagen), hoxe tan de moda, e non por cousa boa, precisamente. 
E como non estou de acordo coa presenza do opio nos centros educativos, como tampouco das actividades políticas nin relixiosas partidistas, vin con moi bos ollos que o PSOE, por fin, aposte decididamente por sacar a relixión das aulas. Inicialmente, eu deixaríaa como actividade extraescolar, co obxectivo de saber cal é a demanda real do estudo dese conxunto de crenzas que chaman relixión. Non foi sen tempo e, por iso mesmo, agardemos que logo non veñan as rebaixas do tío Paco. 

Onde hai que asinar?