Guillermo Llorca Freire, xa se sabe, é traballador intenso. Do xiz, da palabra, da pluma. Se cadra é por iso que se deixa ver moi pouco, o xustiño, en saraos culturais, e toda esa parafernalia que arrodea, ás veces sen máis valor que o cerimonial, a Dona Cultura. Tan couceada, por certo, nos tempos que corren por quen deberan protexela.
Mais da súa banda segue, en todo caso, o Guillermo. Explicando Historia, por activa e pasiva, a quen queira escoitala. Eu, por exemplo. Que veño de ler, con agrado e proveito, o opúsculo “¡Viva la Pepa!”, editado polo Concello de Ferrol para festexar o 200 aniversario da nosa primeira Carta Magna. Neste folleto, belamente maquetado, Guillermo Llorca pon especial énfase na participación galega na redacción da “Pepa”. Entre outros Alonso López, ferrolán, de Canido, onde hai rúa ao seu nome. Rúa que me presta moito, e que ten uns farois que nos fan ciar a tempos que alá foron co vento da Historia.
O que propulsa o globo no que sube Llorca para contarnos amenamente o que fora aquela grande esperanza no país dos batuecos. Logo voltaría “O Desexado” (¡outra vaca no millo!), para que a nosa Historia volvese ser o tear de Penélope. Mais esa é outra historia, que seguirá atopando a Guillermo, tan feliz e traballador no seu Doniños, para seguer contándoa. E nós que a vexamos, contentos de que haxa ferroláns así, dos que en verdade fan Ferrol. Os que retoman a testemuña de Alonso López, por exemplo.