Das ansiadas vacacións

Asoma un agosto incerto. Con menos turistas, temperaturas elevadas, festas suspendidas e praias parceladas. Vivimos tempos estraños. Axterix e Obelix, os nosos galos de cabeceira, pensarían aquelo de que o ceo vai caer sobre as nosas cabezas. Traballamos con fórmulas de teletraballo, pero hai un incremento notable das horas extraordinarias, e non remuneradas. A economía loita coa saúde a brazo partido. Nos centros escolares observan con preocupación a chegada do novo curso. A Conselleira Pomar di nas roldas de prensa que hai de todo, e que se pida o que se precise. Pero a realidade insiste en demostrar que contra o vicio de pedir, está a virtude de non dar. A realidade á que se enfrontan os equipos directivos é diferente: hai unha conxelación real das plantillas. Previsións de incremento de docentes? Ningunha, e iso sabendo que haberá que realizar moitas máis funcións como resultado da aplicación dos protocolos do Covid-19. Nin máis profesorxs para gardas, nin para recreos, nin para desdobres. Nin máis persoal de limpeza, fundamentais xa que se precisa limpar baños, vestiarios e espazos comúns, pomos de portas, teclados de ordenadores etc, varias veces ao día. Reducións de ratios de alumnxs por aula? Tampouco. Nin cambios no transporte escolar. Pero anuncian a suspensión de comedores escolares e a eliminación do Plan Madruga. Iso si, nunca dende a Administración se apelou tanto á autonomía dos centros para tirar para adiante. E que resolvan como sexa, teñan ou non teñan medios, e aplicando aquela famosa fórmula do Deus proveerá. Menos mal que chegan as ansiadas vacacións, xa saben vostedes que en agosto todo é posible e todo é mellor.

Todo permanece en ti, e todo vive contigo –dixo El- podo pasear a memoria descalzo sen ferirme, e asomarme ás fiestras abertas dos invernos seguro de sentirte... Saberte é habitar a memoria que protexe afectos compartidos... 

Das ansiadas vacacións

Te puede interesar