Das erro-fórmulas

|

Recoñezo, sen dúbidas nin ambaxes, que cando remotamente pasan pola miña vida as notas de  A outra tarde vin chover, de Armando Manzanero (un dos clásicos do meu pai) unha melancolía envolvente atrapa os meus sentidos. 
Quixo a casualidade ou a fortuna,  que en diversas oportunidades, de xeito temporal, fóra banda sonora de momentos pseudotristes da miña vida. En datas recentes, trala acción terrorista en Londres onde , tristemente, morreu asasinado o valente Ignacio Echeverría, na radio soou de novo ese tema. 
Non sei se lles pasa, pero a min hai temas que semellan interruptores, ou chaves de paso que liberan emocións a cano libre. Será cousa do tempo ou das témporas, pero podo facerlles a demostración do teorema, de que sinto cada vez máis impactos e máis fondamente, sen erro algún de apreciación ou cálculo. Por certo, e falando de erros, o gobernante Partido Popular está adoptando esa nova tipoloxía de Dor dos Pecados: A erro-fórmula. Modelo ou formato que consiste en negar a maior sempre, e despois xa sexa por presión social, ou por certeza do descrédito por varapalo xudicial, hai un recoñecemento  do erro da adopción desa medida, aínda que sen un explícito propósito da Enmenda. Así temos a erro-amnistía fiscal, o erro-nomeamento de Moix coma Fiscal Xefe Anticorrupción,  a erro-confianza en Bárcenas e os seus manexos, ou o recente erro-custe cero do rescate bancario... 
Verán tamén que a aplicación do modelo de erro-fórmula, faise a través de comunicado de prensa, sen directos de portavoz nin cun mísero plasma. A realidade é o que ten, que teimudamente reflexa a vida. Así podemos estar vixiantes do clásico...vexo que me queres colocar o dos ovos de pato!!
 

Das erro-fórmulas