A Santa Alianza

|

Semella que son millóns os cidadáns españois que prefiren o pluralismo á hexemonía e explorar a cultura do compromiso, tan allea á historia de Castela e tan presente noutras mentalidades ibéricas, como a galega, a portuguesa, a vasca ou a catalá. Fronte a esta temperatura social, a opinión publicada en Madrid, á destra e á sinistra e os que mandan no capitalismo castizo de amiguetes, na economìa regulada (grandes bancos, distribución eléctrica, grandes complexos construtores-concesionais) chaman por unha santa alianza constitucionalista, pola reedición do pacto dinástico entre PP e PSOE, ampliado agora ao comodín de Ciudadanos. Un goberno de ampla base parlamentaria para enfrontar “las reformas pendientes”.
 E resulta que as reformas pendentes son as que posibiliten completar a mutación constitucional desenvolvida nos últimos anos. Sacralizar a estabilidade orzamentaria e os recurtes e recentralizar o Estado, limitando aínda máis a autonomía do noso País e suprimindo practicamente a autonomía local. Recentralizar para anular os poderes locais e territoriais, próximos á cidadanía e deste xeito, posibilitar a privatizaciòn de amplas àreas da acción pública dende unha perspectiva centralista, a prol das grandes empresas concesionais españolas, alicerces dese capitalismo castizo de amiguetes, e en claro prexuizo dos emprendedores galegos. Madrid como factótum dunha España única, cunha única lingua, cultura e clase dirixente.
O PSOE historicamente mercoulle á dereita este discurso. Velaí a redución das prestacións por desemprego (Felipe González, 1992) ou o golpe de temón austerizante de Zapatero en maio de 2010. Velaí como todos os ex do felipismo, dende Rubalcaba ou Corcuera até Ybarra ou o propio González, defenden os intereses desta santa alianza, coa mesma fachenda coa que defenden os intereses desas eléctricas coas que xogan ás portas xiratorias. Nesta conxuntura, enténdese a xogada de Pedro Sánchez na xunta do sábado 30 do máximo órgano socialista entre congresos. Consciente que pactar a santa alianza afástao da meirande parte do seu electorado e condena  PSOE á irrelevancia no medio prazo, someterá a proposta de pacto á que chegue con outras forzas progresistas ao plebiscito da afiliación, que gañará sen atrancos .Porque a meirande parte da afiliación socialista son xente do común que vive e pensa como tal.

A Santa Alianza