Afortunadamente o territorio galaico aínda é descoñecido para os autóctonos e para os foráneos, pero de vez en cando algún intelectual da meseta, que non ten outra cousa que facer e dispón de acceso a escribir nos medios de comunicación que se difunden por todo o Reino, descobre algunha praia de por aquí e elabora unha listaxe de dez areais con encanto. A partir de aí o mal xa está feito: centos de aborixes e ducias de veraneantes cravan os parasois na area, aparecen os xelados, as pedaletas, os socorristas e os técnicos municipais a humanizar o que antes tiña o encanto do salvaxe e ignoto. Aquí de gardar o segredo, como a campaña publicitaria, nada de nada. Anos antes aos poucos meses xa habería un cartel cerca da praia descoñecida que anunciaba unha urbanización con piscina.
Nun destes días no que as raiolas quecían o ambiente entre chuvasco e orballo de verán aventureime de explorador pola costa galaica en pantalón corto, mochila e auga e busca dun desvío entre plantacións de eucaliptos sen arder que levase a unha ribeira calquera, que non fose a sinalizada oficialmente. Con sorte aparecín nunha praia preciosa, de difícil acceso e afastada da masificación de bañistas, que só estaba ocupada por un home e un libro, un parella que paseaba pola beira do mar e outra que se demostraba o seu interese mutuo con movementos de mans furtivos escapando das poucas miradas que contemplaban o lugar máis pendentes do rumor das ondas no bater contra o xabre.
Esta é unha de tantas praias que só aparece en internet descrita como rústica e da cal o concello propietario non ten nin idea de que exista ou simplemente a esconde porque non hai un merendeiro nas proximidades que sirva paella, tortilla e tapas de callos. O mellor e que siga así, afastada das relacións horribles de praias fermosas que a algún lle dá por crear desde un ordenador instalado na Gran Vía da capital do Reino.
Se é que por aquí temos lugares preciosos por descubrir. Non entendo moi ben o motivo de que os concellos se lancen a procura de colgar espantallos azuis nas súas praias, se con telas limpas do incivismo dalgúns concorrentes é máis que suficiente, porque en territorio galaico son contados os días nos que se enchen os areais.
É mellor pouco e ben, quen queira sol a queimar non vén por aquí e quen desexe praia xa ten a das Catedrais, A Lanzada e Sanxenxo e outras máis tamén coñecidas e masificadas. Esperemos que pasen moitos anos antes de que se descubran polas masas os pequenos e grandes areais de paixón para gozar de momentos de relax de verán e o alcalde que corresponda coloque o cartel que sinale o paraíso.