A MINA DA DESFEITA

|

No transcurso dunha semana, asistimos a dúas manifestacións ben distintas. Unha desenvolveuse a favor de que veña carga de traballo para os estaleiros galegos e outra contra unha mina de ouro, que segundo a empresa explotadora creará 271 empregos ou como sostén a Xunta, terá unha nómina de centos de miles de empregados, esaxerando un pouco, pero en cifras redondas da consellería correspondente, case é similar en operarios ao dique flotante. Parece de broma, pero por disfrazar números que non quede.

Algúns veciños das zonas afectadas pola mina de Corcoesto manifestáronse contra á explotación, o resto dos asistentes á marcha eran chegados de fóra. A razón é obvia: a comarca non ten tantos empadroados nin para acudir baixo unha pancarta nin para traballar na explotación aurífera. Así que cando se convoque a contra, virán en autobuses a pasar un día de romaría pola comarca xente embarcada de toda a comunidade. Será o mellor que logre a comarca, porque eses asistentes terán que comer ou beber, así que ten pinta de ser un suceso proveitoso para a hostalería.

Os alcaldes están algo divididos, segundo o partido e tamén por onde vai ir a desfeita. Algúns rexedores deberían recordar on concellos españois que teñen unha central nuclear e preguntar por qué o municipio veciño non recibe nin un euro da enerxía, aínda que teña casas ao lado. E que nisto de repartir ninguén quere dar e menos na comarca bergantiñán, porque hai que ver cantos parques industriais están pola zona espallados e todos cheos de silvas e toxos, como recordo da época fraguiana, e algúns pensan que a mina de ouro vai resucitar eses ferrados de terra ermos de produción, cando nos mellores momentos da economía os euros pasaron polo ar de Cabana.

Algúns propietarios xa comezaron a vender ás súas terras para a explotación mineira, motivados polo prezo ou pola promesa dun emprego na firma canadense. Recórdame isto o recrutamento de man de obra barata ou escrava, segundo se mire, que realizaron os negreiros pola Galicia rural a finais do XIX para ir a Cuba baixo a promesa de grandes salarios. Non hai moito, estas vendas a futuro de prosperidade tamén se realizaron noutra comarca. Os axentes dunha fábrica foron polas casas vendendo postos de traballo a cambio dunha sinatura para un terreo afectado. Aos poucos anos, nin emprego nin nada.

Os anos só dan a razón de que Galicia está en venda permanente e cada vez a mellor prezo, como se dunha prostitución do territorio se tratase. Calquera chega por aquí en traxe e en avión cun cheque e recíbeno coas mans abertas. Aínda se fose Adelson para edificar o Galizaveigas, así todos encontrariamos traballo no servizo de limpeza dos casinos, pero os mineiros só veñen a limpar terra con cianuro, que acabará no esteiro do Anllóns e se diluirá nas augas atlánticas, quizá até o Roncudo e máis alá.

A MINA DA DESFEITA