Persoas ou contestadores

Cada ano a principios de de- cembro hai que sufrir as loas e trompetas en honra da Constitución e o resto dos meses, día si e outro tamén, apelar desde as escuras tribunas da capital do Reino á transición, que non se sabe ben o que é, pero que queda bonito, tanto como servir unha pataca cocida nun prato triangular. Deseño puro para ocultar o que é en realidade: un simple tubérculo.

Para os que non vivimos moi de cerca aquela época, soa todo como a caldo de exaltación gastronómica que nunca se acaba de cocer e onde un perde o apetito despois de varias horas á cola aguantando o prato de barro. Porén, debido á crise, vemos que nos últimos anos estase producindo o que debeu acontecer hai anos: o paso polos xulgados dos grandes pais da patria que arrastraban a impunidade dos modos de facer da ditadura. As ringleiras de grandes homes que van camiño do xulgado case son festas do churrasco

O encarceramento de Díaz Ferrán, comandante reformado da patronal empresarial, é todo un símbolo. Como tamén vén sendo a procesión polos xulgados dos estados maiores das caixas, que foron democratizados por Felipe González para que operasen con camisas brancas despois de deixar no armario a azul. Ten máis que razón Joaquín Almunia cando proclamou que se mostraron incapaces de realizar a tarefa que lle permitiron. Circunstancias da vida, un socialista lanza unha reprimenda a quen el ascendeu.

A ociosidade da Audiencia Nacional nun breve período puxo aos maxistrados a traballar. O mesmo que sucede nos xulgados de Lugo, onde por un polo sae unha trama da muralla, inzada de campións cariocas. Falta que se estenda o exemplo e a xudicatura comece a tirar dun fío para pór as provincias patas arriba. E que os tempos están cambiando. A primeira ou a segunda empresa galaica, segundo se mire, xa anunciou un ERE. A Deputación de Ourense vai facer unha reforma de persoal suprimindo algún cargo. Pouca cousa supoño, á penas unha variación no organigrama.

Se os comerciantes da cidade das Burgas puxeron o grito no ceo cando se anunciou que a paga extra do Nadal para os funcionarios ía ser cero, hai que supoñer que co regulamento de emprego na Deputación xa todo sexa o caos económico, aínda que non se disparen as cifras do paro, pero as perspectivas do soldo minguado van afectar a toda a estrutura dunha vila.

É que o atraso económico galaico segue existindo. Se non se crea industria, xa sexa de contaminar a atmosfera ou criar vacas, non hai solucións prácticas, por esa de empregar nas administracións para gañar votos non é rendible para o país, aínda que si para os partidos. No meu concello teñen un contestador telefónicos, deses que pensan por un, pero cando me achego polas dependencias municipais, tres seres humanos abalánzanse sobre min para axudarme: ou sobra o contestador ou dous deles están de máis.

Persoas ou contestadores

Te puede interesar