Ollan de máis cara Madrid

Os galegos tendemos ler en boa medida os nosos proprios xornais e sintonizar as nosas proprias emisoras de radio e TV. Quere isto dicir que buscamos informacións e opinións achegadas á nosa realidade. É evidente, xa que logo, que as informacións e opinións elaboradas dende Madrid non enchen a demanda da cidadanía. Velaí que un non entenda porqué profesores galegos eminentes, que salientan pola calidade dos seus artigos xornalísticos e achegas en debates audiovisuais, teimen ultimamente en repenicar na Galicia a opinión que a eito pontifican dende os xornais, radios e TV madrileñas. Deste xeito, algúns defenden as políticas de austeridade como única resposta posíbel e máis a inflexibilidade do “patriotismo constitucional” como única resposta do Estado fronte á mobilización catalá a prol do dereito a decidir. Outros sinalan aos tres nacionalismos (vasco, catalán e galego) como responsábeis das peores vivencias españolas dende a Restauración do 1975.
Proeme que algunhas das mentes máis brilantes do país ollen de máis a Madrid para conformar un relato agradábel aos que alí mandan, no canto de construir unha cosmovisión galega propria, que saiba explicar os acontecementos no Estado, na Europa e no mundo en clave galega. Porque defender as políticas de austeridade na Galicia descoñece a realidade dun país que liquidou boa parte da súa base industrial nos cinco anos e medio de goberno Feijóo e que fanou aquel diferencial baseado nunha menor exposición ao ladrillo de segunda residencia. E esquecer que o galeguismo foi o único que achegou un discurso sobre o territorio, as carencias e potencialidades da economía galega ou a vocación europea e marítima de Galicia amosa unha notábel desconexión co noso presente e co noso pasado.
Pola contra, pouco limos en algúns destes profesores a respecto da especificidade da economía galega, construída sobre alicerces distintos á española e de como require para a súa competitivade e para xerar benestar dun amplo autogoberno. Nin tampouco a respecto da actual desafección da cidadanía co marco político pactado na transición.

Ollan de máis cara Madrid

Te puede interesar