A ESCOLA ATLÁNTICA

Apresentación en sociedade dese novo modelo de negocio emprendedor que é o chamado Instituto Atlántico de Goberno, IADG, “centro de ensino universitario superior con vocación pedagóxica universal” presidido por José María Aznar trae á memoria outras institucións nacidas dese concepto xeopolítico que é o atlantismo, xurdido para defender o interese do mundo capitalista fronte aos gobernos de base popular.
Obviamente, os tempos son distintos e no caso do proxecto académico do antigo presidente do Goberno, actual conselleiro das empresas do Grupo Murdoch, asesor de Endesa e membro de outras empresas pouco filantrópicas, a incorporación do adxectivo “atlántico” á denominación da marca é mais ben unha apelación a esa peculiar traxectoria de Aznar no ámbito do ensino superior,  en relación á Universidade de Georgetown, e máis directamente coa condición de “distinguised fellow” da Atlantic Basin Initiative da Johns Hopkins University.  
Porén, o ideario do instituto “apóiase nos principios e valores da democracia liberal e da tradición política e cultural occidental da que América Latina é parte destacada. Bebe da experiencia de liderado, goberno e xestión pública dos seus fundadores”, persoeiros que pasaron por cargos políticos relevantes en gobernos pouco respectuosos cos dereitos sociais, executivos da máxima relevancia na gran empresa, antigos colaboradores do promotor e algunha figura curiosa como José M. Fidalgo, noutro tempo secretario xeral de CCOO. É o Consello Académico.
Adscrito á Universidade Rei Xoán Carlos, o instituto é unha extensión de FAES, ese think tank, laboratorio de ideas, do PP. Neste caso, co aval académico e unha serie de acordos e convenios con outros centros de ensino americanos. Tamén estará dotado de máis recursos económicos. Para iso se incorporan os representantes das multinacionais amigas, sempre xenerosas con este tipo de iniciativas. Prevé iniciar un máster para “proporcionar unha visión profunda que permita comprender e exercer a xestión nun mundo aberto e de comunicación instantánea”. Anuncia un curso de fin de semana sobre “o lobby en España” porque “a xestión das relacións institucionais e o lobby coas administracións públicas é cada vez máis importante, ferramenta imprescindible para defender os intereses empresariais” que precisa de profesionais formados. Presión a cara descuberta, fóra corrupción opaca. Escola atlántica.

A ESCOLA ATLÁNTICA

Te puede interesar