Por algo será

|

Os escándalos de corrupción son como son como as mareas, veñen e van, soben e baixan e cada certo tempo son vivas. Ninguén se estraña de que calquera concelleiro pida algo a cambio dunha licenza urbanística e no hai galaico que non movese algunha recomendación para que lle retirasen una multa de tráfico por un mal aparcamento. Iso é o natural e até a sociedade o ve como algo normal, incluso obrigatorio, e é motivo de alardear ante os amigos da capacidade de influencia que ten cada un.

Desde a chegada da democracia houbo centos de casos de políticos que pasaron polos tribunais por causa de millóns de pesetas ou miles de euros. O lamentable é que algúns pasasen por catro patacóns, como se o seu valor de mercado se cotizase en céntimos. Iso é o peor, polo menos seguir a estela de Bárcenas e tantos outros que contaban as súas andanzas por millóns de euros.

Tamén resulta curioso que sexa o PP o partido que sempre está envolto en escándalos de corruptelas. Tiña razón Feijóo cando pediu aos seus devotos que fosen legais, porque aos populares se lles pide máis que aos outros grupos. Non cabe máis que preguntarse que por algo será e hai que pensar que o líder galaico deu algunha batalla por perdida debido aos seus fracasos por apostar por alcaldes que acabaron imputados e dimitidos, de aí que desta volta renunciase a afrontarse aos baltares, xente con experiencia a quen non pillan nun renuncio por moito xuízo no que se vexan envoltos.

Seguramente haberá salpicaduras barcianas que cheguen a Galicia. A época de Pablo Crespo non queda tan lonxe e moitos dos populares galaicos que aínda permanecen en activo tiveron relación co antigo responsable na sección galega. A nova executiva do PPdeG dá a impresión de que se liberou do lastre do pasado, con algunha que outra concesión á vella garda, porén os fantasmas do pasado sempre volven porque a man de Feijóo ou de Rueda ou de Hernández non chegan aos concellos con alcaldes perpetuos, que revalidan a maioría absoluta para o partido.

A fin de contas, a renovación faise desde abaixo, desde o concelleiro que entra no consistorio sen oficio nin beneficio, con moito tempo libre e coa cabeza baleira de ideas, pero que pronto se pon a traballar e a maquinar, precisamente nada bo. Algúns concellos realizan os plenos ás nove da mañá, curiosamente todos son do PPdeG, porque están formados por xente ociosa que vive da política e das axudas de custo polas famosas dedicacións exclusivas. Deste modo teñen máis horas para corromperse.

Por algo será