A hora de Cataluña

As eleccións catalás do próximo 14 de febreiro non terán lugar no mellor escenario posible como consecuencia da pandemia pero estou profundamente convencido de que a súa celebración non admite demora.

Despois de dez anos marcados pola desunión e o desgoberno, é fundamental que a segunda comunidade de España en xeración de riqueza recupere o seu rumbo, e ese rumbo non pode ser outro que o do reencontro entre cataláns e o da propia Cataluña co resto do país.

Cataluña ten na súa man apostar por un tempo novo de estabilidade e diálogo no que os problemas reais dos cataláns volvan a estar no centro do debate. O emprego, a sanidade pública e os avances sociais merecen ocupar de novo espazo na axenda política. A propia comunidade debe darse a oportunidade de volver a ser unha referencia para o conxunto do Estado en materia de benestar e no desenvolvemento de políticas de innovación.

Cando dende o ámbito municipal pensamos en accións sociais inclusivas sempre se nos vén á cabeza Barcelona como modelo de desenvolvemento de políticas de progreso pero tamén cando cavilamos na posibilidade de desenvolver pactos e chegar a acordos en temas de transcendencia seguindo o exemplo do proxecto dos Xogos Olímpicos do 92 ou a rápida reacción de consenso para a reconstrución do Liceo.

Cataluña é tamén un gran polo de innovación, unha economía dinámica e conectada ao mundo que conta cun sistema de coñecemento de excelencia, tendo moito que aportar á modernización do conxunto de España.

Dicía que a celebración das eleccións non admite demora porque cada día que pasa sen falar dos problemas reais dos cidadáns ou do que a comunidade pode aportar, increméntase a sensación de fracaso, de estar nun bucle infinito no que os partidos independentistas parecen non ter aprendido leccións tras esta década de fracasos. Estou convencido de que a sensación de cansanzo respecto ao “tema catalán” na que se atopa a maior parte da poboación de España afecta tamén aos propios cataláns tras anos de “hipermobilizacións” e verase reflectida nunha baixada da participación que se sumará á propia derivada da celebración das eleccións en plena pandemia.

Porén, e a pesar da situación sanitaria, a celebración destas eleccións é crucial e urxente para poder recuperar unha Cataluña activa, referente en España e implicada nos avances sociais e na modernidade. Mais o verdadeiramente relevante é facelo mirando cara adiante, dende o diálogo, o talante, o respecto á legalidade e non dende o desquite ou a xenreira.

Atreveríame a dicir que a Cataluña que sae desta etapa de desgoberno faino ferida e que o que precisa, neste intre por riba de todo é reencontrarse a si mesma e co resto do Estado. Precisamos unha Cataluña orgullosa, reivindicativa na defensa dos seus intereses pero sempre no marco dunha España federal na que todas as comunidades sumamos e enriquecémonos mutuamente.

*José Manuel Lage Tuñas, Concelleiro de Economía do Concello da Coruña

A hora de Cataluña

Te puede interesar