A Seoane fai converxer ao artista con Alberto Corazón e Pedro Calapez

A Seoane  fai converxer ao artista con Alberto Corazón e Pedro Calapez
A edil Ana Fernández, xunto aos artistas e comisarios iratxe vieites

A Fundación Seoane crea un triunvirato no que o labor como ilustrador e editor do xenio con lentes de pasta comparte espazo coa impronta de Alberto Corazón ao longo de 50 anos tirando da creatividade e o debuxos de Pedro Calapez, agrupados na sala pedindo que sobre eles se faga unha lectura mural. Son as tres últimas exposicións da etapa de Silvia Longueira á fronte da institución. En medio dun proceso de stand by que dará paso, segundo Xosé Díaz, membro do patronato, á presentación nos vindeiros días da convocatoria do concurso para escoller ao novo director.
Neste aspecto, a concelleira de Cultura, Ana Fernández, sinalaba que a sustitución da anterior responsable vén da decisión de emprender unha nova liña de traballo na que se “potenciará más la figura de Seoane, se itinerará su obra y se tendrá una línea clara expositiva”, sinalaba a edil.
De calquera xeito, Díaz lembraba que a marcha de Longueira se debía a unha postura unánime do patronato que agora estuda as bases para ocupar o posto vacante. Mentres tanto, a fundación inaugura “Luís Seoane, editor no exilio: Nova”, no que ademais dun traballo de búsqueda do que fixo a nivel editorial no exilio, está o enriquecemento dos fondos coa adquisición de 89 tomos das distintas coleccións que Seoane e Arturo Cuadrado publicaron a través de Nova (1942-1947). A comisaria da mostra, a profesora da Universidade, María Antonia Pérez, contaba que o proceso de mercar as obras foi complicado porque son títulos que xa non están á venda, senón en mans de bibliófilos e centros.
Non obstante, os curiosos poderán comprobar as inquedanzas do artista en Arxentina e como lle adicou dúas coleccións á prosa e á poesía galegas. Confirmarán o carácter reivindicativo da editorial que amosou a patiña no mercado coas obras “Torres de amor”, de Lorenzo Varela, vetado anteriormente por Emecé, e “Cuadros de guerra”, de Concepción Arenal.
Decataranse tamén de que os emigrantes eran o target ao que se dirixían e que Seoane non só editaba senón que tamén ilustraba as marcas tipográficas e o interior dos libros. Cun apartado no que se constata o interese do pintor polo americanismo.
Na exposición están tamén por vez primeira os debuxos que fixo Seoane para ilustrar “Torres de amor”; de Lorenzo Varela; e “Historias e invenciones de Félix Muriel”, de Rafael Dieste. Ademais, unha escolla de óleos que pintou nos 40 e o álbum de gravados “Imágenes de Galicia” darán boa conta da súa heteroxeneidade.

deseño e plástica
Dicía o deseñador Alberto Corazón que el debuxaba por necesidade. Por iso, se non fora pola presentación aos medios da súa mostra estaría pintando un dos reloxos do salón real. Concluía así que “no estoy dibujando lo que estoy viendo, sino lo que mi memoria está filtrando de lo que estoy viendo”.
A retrospectiva do autor, organizada pola Fundación Murcia Futuro, componse de 100 carteis, 260 publicacións e cinco audiovisuais, ademais de maquetas e bosquexos nos que o campo gráfico e o plástico acaban por confluír porque aínda que o primeiro vén limitado polo encargo e o segundo non, o feito de que hoxe en día o deseño non dependa das destrezas e trucos que un vai adquirindo, permite que se rocen.
O mundo gráfico, sinala, depende unicamente das neuronas e conecta así coa plástica. Introdúcese nun terreo misterioso e un pode aprender a historia máis recente das dúas formas de crear mesturadas ao longo da carreira de Corazón.
O terceiro dos nomes que se suma ás paredes inspírase en Seoane. Pedro Calapez toma o concepto muralístico do creador atlántico e ordea as pezas de forma que un pode interpretalas no seu conxunto. Isto permítelle incluír entre elas unha homenaxe a Luís na versión do seu lenzo do centolo, que aparece máis grande.
“There is Only Drawing” constrúese con traballos inéditos do portugués, nos que asegura tivo moito que ver a comisaria Filipa Oliveira, quen lle acompañaba no taller e insistía nesa idea de encher as paredes de mensaxes e amosar de paso a importancia que ten o debuxo na súa traxectoria. Debuxo visto como un lugar no que observar o mundo, da man da memoria e o pensamento. E que poderán degustar os coruñeses xunto a un catálogo onde se incluirán os comentarios do propio artista e a montaxe expositiva.

A Seoane fai converxer ao artista con Alberto Corazón e Pedro Calapez

Te puede interesar