Reportaxe | Un billete de ida nada máis para “A derradeira lección do mestre”, de Castelao

Reportaxe | Un billete de ida nada máis para “A derradeira lección  do mestre”, de Castelao
Núñez Feijóo e representantes das forzas políticas de Galicia diante do cadro cedido | lavandeira

A agrupación cultural Alexandre Bóveda insta á Xunta para que o cadro “A derradeira lección do mestre”, de Castelao, quede para sempre no país que pensou cando o pintaba. Non é unha reivindicación nova porque eles foron os que recolleron preto de 15.000 sinaturas en 2014 e impulsaron unha ILP sobre a que o PP votou en contra. Daquela defendían o coñecemento da obra do de Rianxo, “agochada”, segundo a súa presidenta, María Xosé Bravo.

Agora que os galegos poden disfrutar deste símbolo no que homenaxea ao seu amigo asasinado Alexandre Bóveda, o colectivo organizará unha palestra para analizala en profundidade e unha visita á Cidade da Cultura da man de especialistas para coñecela mellor: “Aquí temos a Pilar García Negro que é toda unha experta”. Para a asociación con sede nos Olmos traela de Bos Aires aínda que sexa en calidade de cedida “é unha boísima nova” nesa procura de divulgar o legado de quen xa incluiu a estampa en 1937 dentro de “Galicia mártir”, álbum que trazou en Valencia, para pasalo ao gran formato, e presentala polo aniversario do intelectual, un 17 de agosto de 1945, que se instaurou como Día da Galicia Mártir en Arxentina. 

Bravo critica a introdución do cadro que fixo esta semana o presidente da Xunta, Núñez Feijoo porque “fala como un militante e é capaz de negar a nosa historia e iso non se pode permitir”, sobre todo, tratándose dunha creación “moi estudada, que fala da lección  do mestre ninguén o discute”, pero aborda algo máis que a morte, “tamén o futuro representado nos dous pequenos, no que está por vir”. 

Pola súa importancia, a presidenta pídelle ao Goberno autonómico que faga as xestións que se precisen para que fique indefinidamente en Galicia e porque “solo podes valorar aquelo que coñeces”, pensa Bravo, cómpre expandir o feito por un lapis, que ademais de debuxar, escribiu e procurou un futuro mellor matinándoo, “queremos que sexa máis coñecida a obra plástica, os pensamentos e os escritos”. Do que non dubida Bravo é que o desexo é compartido polos galegos. Demostrárono cando recolleron as sinaturas e “víase que había xente que respaldaba a iniciativa sen ser nacionalista”. Nos preto de 15.000 apoios, conta, había de todo. Por iso, a representante reclama xustiza co xenio de lentes redondas.

Reportaxe | Un billete de ida nada máis para “A derradeira lección do mestre”, de Castelao

Te puede interesar