marcos lema candidato converxencia XXI
Converxencia XXI defínese como un partido liberal, galeguista e de centro que se presenta as súas primeiras eleccións para quedarse. O candidato da Coruña asume o próximo 22 de maio como unha primeira toma de contacto coa que lograr un colchón para as eleccións de 2015
entrevista de c.r.
Marcos Lema é o candidato das eleccións municipais máis novo.
Como a un estudiante de 25 anos se lle ocorre presentarse como candidato á alcaldía dunha cidade como A Coruña?
Eu empecei en política activa hai aproximadamente un ano, pero dende os 14 ou 15 anos estiven interesado polo mundo da política. Decidín afiliarme a Converxencia XXI porque era un partido que cumplía as miñas expectativas, un partido galeguista, de centro e que tivese perspectivas de futuro, que non fose un proxecto cambiante, senón de base. Unha vez que decidín afiliarme foi con todas as consecuencias, empezar na política a tope. Cando en febreiro deste ano a executiva nacional do partido propúxome ser o candidato da Coruña, aceptei.
Pode xogar en positivo que sexas o candidato máis novo?
Si, si, claro. Non podo aportar tanta experiencia a nivel político e persoal como moitos dos candidatos, pero teño algo que os outros políticos non teñen: novas ideas, frescura na política, eu sigo estudiando, non me dedico profesionalmente á política, e, dende logo, o que si que noto é que en temas puntuais como as novas tecnoloxías, son eu o que as levo directamente, outros candidatos dos grandes partidos nótase que teñen un grupo de xente que llas leva. A xente pola rúa ve que son novo e á maioría gústalle.
Que aspiracións ten?
Como partido nacemos con vocación de ser un partido maioritario. Actualmente a situación que existe na política coruñesa e galega é moi inestábel con dous bloques enfrontados entre si, o bloque conservador representado polo PP e o bloque de esquerdas representado pola coalición PSOE - BNG, e temos un centro político orfo. Nós esperamos a ser esa forza central a medio longo prazo. Aspiramos a ser un centro de moderación e estabilidade que achegue á dereita e á esquerda nexos de unión. Por tanto, nas nosas primeiras eleccións empezamos forte nas principais cidades de Galicia, pero son máis que nada un contacto coa poboación e queríamos sacar uns resultados o suficientemente bos para ter un bo colchón para as próximas eleccións municipais e sentar as bases para un proxecto que está crecendo dende a base. Non aspiramos a resultados inmediatos senón a preparar o partido para ser unha forza central e galeguista, onde a marioría de coruñeses e galegos se sintan representados.
O programa aposta principalmente por cambiar a xestión e a financiación municipal.
Si, nós como partido de centro liberal demócrata o que ofrecemos principalmente é unha mellora da administración pública, facela máis eficiente e simplificala. Agora hai un montón de administracións públicas que solapan competencias entre si como as Deputacións Provinciais. No caso do alcalde é un xestor que debe obter os mellores resultados cos recursos cos que se conta, sen despilfarrar.
Deben desaparecer as deputacións?
É complicado un ente que emprega a tantas persoas eliminalo de golpe, pero o noso propósito é ir vaciando progresivamente de contidos, de competencias, sobre todo aquelas que se solapan entre si. Dise que as Deputacións dan servizo aos concellos pequenos que non teñen suficientes recursos, pois para iso Converxencia XXI promove a fusión de municipios dándolle un maior protagonismo as parroquias, ao estilo portugués.
Iso en canto a xestión, pero que modelo de cidade propón vostede?
A nivel macro converter a A Coruña nunha cidade de tamaño medio europeo como Liverpool ou Valencia, coordinando as infraestructuras do futuro, por exemplo o Porto Exterior da Coruña co de Ferrol. Facer da Coruña un centro de compras aproveitando a dinámica, non sei se todos os centros comerciais teñen cabida, e unha especialización do pequeno comercio.