Fernando Vázquez: “Geijo xa non é o número un”

Fernando Vázquez: “Geijo xa non é o número un”
fernando vázquez adestrador do deportivo

O adestrador do Deportivo, Fernando Vázquez, confesou onte a súa satisfacción pola fichaxe do dianteiro Borja Bastón e asegurou que Álex Geijo xa non é a opción “número un” para completar o ataque branquiazul, porque a entidade coruñesa non pensa seguir esperando polo xogador hispano-suízo mentres que o mercado de fichaxes se achega á súa data límite.
“Geijo xa non é o número un. Estamos a buscar alternativas e negociamos cousas diferentes porque non podemos quedar colgados pola situación. El está aí, pero o compromiso ese de que iamos esperar, xa sabe el que non”, desvelou o técnico de Castrofeito tras a sesión de adestramento que realizou o equipo herculino na cidade deportiva de Abegondo.
Á súa vez, o estratego da escuadra coruñesa confesou a súa felicidade pola incorporación do vermello e branco Borja Bastón, aínda que insistiu en que é necesaria a chegada dun punta máis.
“Paréceme caralludo e espero o máximo e estou un pouco máis contento. É un rapaz que ten experiencia en Segunda División. Xa temos un dianteiro máis e nese sentido estou feliz, pero buscamos outro dianteiro”, dixo o preparador deportivista, quen, salvo sorpresas, non cre que vaian producirse moitas máis saídas salvo o xogador que falta para completar o ataque.
“Non espero máis entradas, aínda que tampouco as descarto,” afirmou Vázquez, quen, sobre a pregunta de se pode chegar un central antes do peche do mercado, dixo: “Está moito máis complicado. O presidente está a pelexar para que a Liga suba un pouco o tope salarial e, como sei que é un bo negociador, igual consegue cousas importantes, pero en principio o noso obxectivo claro é o dianteiro”.
O estratego do equipo branquiazul tamén revelou que, malia que aínda non tomou ningunha decisión sobre que xogadores poden abandonar o equipo antes do día 2 de setembro, está case seguro de que os administradores concursais lles esixirán que algún futbolista máis abandone o Deportivo antes do peche de mercado.
“Creo que si que ten que marchar alguén máis, pero iso mo ten que dicir o presidente. Mentres que el non me diga nada, non me pronuncio nin tomo unha decisión”, explicou o adestrador do conxunto herculino, quen desvelou que hai uns días comeu con Augusto César Lendoiro e o director deportivo, Ernesto Bello, para seguir traballando no aspecto de posibles entradas e saídas.
“Comemos, pero para matizar situacións. Estamos a traballar e perfilando situacións, pero case todo está bastante decidido”, aseverou.
O preparador branquiazul tamén falou sobre o Trofeo Teresa Herrera. Un torneo que, ademais de ilusionar ao técnico deportivista polo seu prestixio e historia, aproveitará para seguir axustando o equipo e coñecendo os máis novos.
“O Teresa Herrera meréceme moito respecto e me trae moitos recordos. É un torneo de luxo e intentaremos conseguir gañalo, asegurou Vázquez, quen engadiu que intentaremos tamén probar algunhas cousas e ver futbolistas para solicitar información. Temos ese dobre obxectivo, gañar o Teresa Herera ante un grande equipo e, á vez, que me sirva como banco de probas de estrutura de equipo, de probar algo diferente e definir algúns futbolistas que coñezo menos”.
O estratego da escuadra coruñesa, ademais, recoñeceu que, con case toda seguridade, concederá minutos a Fabricio e Luisinho, que aínda non disputaron un só partido.
“Probablemente si, porque quero información sobre futbolistas e é un bo e bonito momento para conseguilo, apuntou, á vez que deixou caer que tampouco descarta facer debutar ao último en chegar á capital herculina, o dianteiro Borja Bastón.
“Dependerá un pouco da conversación que teña con el, de como veña preparado, pero se a situación é propicia e está ben, probablemente lle dea algúns minutos”, argumentou.

Fernando Vázquez: “Geijo xa non é o número un”

Te puede interesar