A precariedade laboral acapara un 10 de marzo coa ollada posta no naval

A precariedade laboral acapara un 10 de marzo coa ollada posta no naval
Monolito al 10 de Marzo ofrenda institucional

O barrio de Recimil alberga na súa glorieta de saída, pegada ás Pías, unha escultura de Xoán Braxe que lembra o asasinato de Amador Rey e Daniel Niebla o 10 de marzo de 1972. Ós seus pés, á vista da torre da igrexa desde a que os testemuños din que se ametrallaba ós obreiros da Bazán que ían ao encontro dos de Astano, unha muller depositaba onte á mañá, discretamente, unha rosa, e acariñaba unha foto que aparecía nun recorte de xornal que lembraba que en 2014 o Parlamento negáralles ós dous a Medalla de Ouro de Galicia a título póstumo. “Amador, tu hermana te quiere”, era a dedicatoria desa flor.
Hai 44 anos os traballadores reclamaban un convenio propio fronte ós acordos que adoptaban as outras factorías –dominadas polo Sindicato Vertical–, unha xornada laboral de oito horas, o control das horas extras e, á fin, as liberdades que a ditadura negaba. A resposta do réxime franquista foron dous mortos, ducias de feridos por bala, un cento de detidos, 160 despedidos e un proceso por parte do Tribunal de Orden Público coñecido como “Juicio de los 23” que levou a traballadores e militantes á cadea, con penas de entre un e catro anos de cárcere. Os asasinatos nunca se investigaron e quedaron impunes. 
As reivindicacións de onte, Día da Clase Obreira Galega precisamente en recordo daquela data, teñen inesperadamente tamén un tinte de reclamación de liberdades. “Nestes momentos case 300 sindicalistas, homes e mulleres, están sendo sometidos a procedementos penais e administrativos que comportan peticións de longos anos de cárcere e fortes multas. Recordan tempos que críamos que xa estaban absolutamente superados”, comentaba o secretario xeral de Comisións Obreiras, Ignacio Fernández Toxo, na ofrenda floral que o Concello de Ferrol facía diante da escultura ás once da mañá. 
Alí estaban representantes de CCOO, USO, UGT, USTG e MAS, xunto coa corporación ferrolá. O alcalde, Jorge Suárez, el mesmo sindicalista de Comisións Obreiras, estreábase no cargo nesta data e facía un discurso cargado de reivindicacións laborais nun país e nunha comarca no que “a temporalidade e a precariedade salarial son o modelo de relación asentado”, afirmaba. “Hoxe non é un día de festa nin celebración, é unha xornada reivindicativa de loita”, dicía Suárez. “O escenario laboral mudou sustancialmente pero mentres o marco de relacións laborais veña marcado por unha lexislación que facilite o despedimento e a represión polo mero feito de reivindicar a xustiza social, as mobilizacións de masas terán sentido”, afirmou, cos sindicatos como canalizadores desas demandas. Pediu o alcalde a unidade “de forzas políticas e sindicais, de todo o tecido social e veciñal, para cunha soa voz reclamar das administracións públicas o que esta comarca tanto lles deu na historia”. Ademais lembrouse dos empregados despedidos de Electrorayma e Tecman despois de que Navantia contratase a outra empresa para o servizo que estas prestaban e que se negasen a subrogar os traballadores. 

navantia
A crise da comarca estivo na mente de todos e tamén as expectativas de traballo para Navantia, á espera de que se concreten encargos para Arabia Saudí ou Australia e de que no reparto haxa barcos para construír en Ferrol. “Esta comarca está sendo totalmente abandonada tanto polo goberno da Xunta como polo do Estado e o que toca é revinvidicar que a dependencia estatal que temos se transforme en investimentos directos no sector naval público e que este novo escenario que se abre coas fragatas australianas teña continuidade coas corvetas para Arabia Saudí e cos traballos para as fragatas de Defensa”, dicía Jorge Suárez.
“Ferrol reivindica emprego, condicións de traballo, consolidación das liberdades democráticas plenas e, agora, que se concrete dunha vez por todas a carga de traballo necesaria para garantir o futuro dos estaleiros”, apuntaba Fernández Toxo. “Astano debería retomar a actividade de construción naval porque lonxe do que pensan algúns, gran parte do futuro desta cidade está e debe estar ligado ao futuro da industria da construción naval”.
Manel Grandal, da CIG (o sindicato nacionalista celebra o Día da Clase Obreira Galega pola súa conta, con ofrenda floral e manifestación independentes, reivindicando a autonomía de decisión no propio país) é máis escéptico respecto da situación. “De anuncios estamos cheos. É unha maneira de anestesiar á propia sociedade da comarca, o cal paréceme un xogo sucio por parte dos polítcos”, dicía respecto dos posibles encargos. “Ogallá veña ese contrato porque esta comarca necesítao como auga de maio pero os que vivimos da construción naval sabemos como funciona iso: hai que negociar o barco, as condicións... É curioso como xa se está anunciando que como se fan aquí os australianos xa non se farán as corvetas. Ese é o xogo político. Por desgraza temos unha Xunta que mira para outro lado cando debía ser forte e combater de verdade. Todos sabemos que as decisións de Navantia son decisións políticas”.
Á tarde foron as manifestacións: a de Comisións Obreiras  ás sete –na que participou o alcalde portando unha pancarta de Esquerda Unida e coa intervención do secretario xeral en Galicia, Xosé Manuel Sánchez Aguión– e a da CIG, na que tamén estivo presente o seu secretario xeral, Suso Seixo.

A precariedade laboral acapara un 10 de marzo coa ollada posta no naval

Te puede interesar