“Imos revisar impostos como o da recollida do lixo e suprimir o copago”

El Ideal Gallego-2015-05-16-008-581a533e_1
|

O actual voceiro do BNG no Concello, Xosé Manuel Carril, volverá a concorrer ás eleccións como candidato do BNG-Asembleas Abertas. Asegura que seguirá as pautas dos últimos catro anos con honestidade.

Por que desexa ser alcalde Xosé Manuel Carril?
Non é tanto unha cuestión persoal ou de ambición individual. Do que se trata é de que existan outro tipo de políticas na cidade e, concretamente, políticas que sexan de esquerdas e galegas para que A Coruña sexa todas as Coruñas e para que haxa emprego e benestar. Non se trata de que eu sexa alcalde senón de que as ideas, propostas e solucións que ten o BNG-Asembleas Abertas poidan xestionar os intereses municipais.

O lema “Todas as Coruñas” alude aos barrios, nesta lexislatura houbo zonas de primeira e de segunda? Vostedes van priorizar os barrios?
Todo o programa ten máis de 1.200 propostas e todas teñen o seu nivel de importancia pero sí falamos da cidade de barrios porque estos son os espacios nos que convivimos, traballamos ou estudamos. O que non pode ser é que haxa políticas que teñan o seu epicentro en investimentos en infraestruturas que non eran necesarias en detrimento dos propios barrios. Se hai algo que caracteriza á Coruña é a vida de barrio e hai que procurar que todos, sexan rurais ou urbanos, sexan tratados igual e conten coas mesmas infraestruturas. Ata o momento, o que fixo o Partido Popular foi centrar a súa política en obras excluíntes, elitistas e sectarias da Mariña e do Parrote.

Que vai facer o BNG respecto a ese entorno?
As obras xa están licitadas, financiadas e a piques de rematar e xa presentamos alegacións e as denunciamos cando tocou. O único que podemos facer agora é solicitar esa cesión dos terreos da Autoridade Portuaria para que sexan propiedade do Concello.

Tamén acoden aos comicios con proxectos para as grandes infraestruturas?
O que consta no programa por desgraza é o que levou o BNG aos plenos e que o PP non tivo en conta. Cada barrio ten as súas necesidades específicas e logo hai unha serie de temas comúns. Iso implica, por exemplo, o aeroporto. Seguimos a insistir na necesidade de que haxa un sistema aeroportuario galego porque aí está o futuro e a revitalización de Alvedro. Os tres aeroportos teñen que complementarse e colaborar entre sí. Respecto á conexión co Porto Exterior, sinaladamente a ferroviaria, consideramos que ese é o principal elemento para que a instalación sexa operativa e para que veña inversión da Unión Europea.

Igualmente, habería que mellorar a mobilidade?
Hai que apostar polo tren de cercanías porque gran parte da xente que entra e sae da cidade o fai por motivos laborais e iso implica mover gran cantidade de vehículos que provocan problemas dende o punto de vista medioambiental, o sanitario e da competitividade das empresas de transporte. Tamén hai outra infraestrutura moi vital para a Universidade: a residencia. Por fortuna tanto a Deputación coma o Concello teñen edificios públicos para que se poida facer uso deles pero, por desgraza, non queren botarlle unha man.

Van priorizar os servizos sociais?
Todas as nosas propostas son consecuencia do diálogo, o debate e as conclusións polo que forman un mosaico. Un equipamento coma un centro de día ou un curso ou un colexio público, por exemplo, para Novo Mesoiro, teñen unha finalidade clara e esencial que é a mellora da convivencia en termos socias. Polo tanto, ambas cousas non son incompatibles. Claro que imos ter en conta o social pero, para nós, iso non é únicamente os servizos sociais que estivo a privatizar o Partido Popular, senón o dereito ao emprego, as medidas para garantilo, o refortalecemento dos servizos públicos...

Como se pode reducir o desemprego?
O primeiro que temos que ter moi en conta é que a cidade e a súa comarca dispoñen de sectores produtivos realmente dinámicos que poderían xerar emprego e riqueza. Estamos a falar da ría do Burgo, dos polígonos industriais, do pequeno e mediano comercio, da Universidade, as actividades marítimo-pesqueiras e mesmo os mercados municipais. Todo isto implica cuestionar as políticas de austeridade do Partido Popular que levaron ao deserto industrial no que se está a converter A Coruña.

Hai iniciativas concretas?
Fomentaremos a contratación pública esixindo ás empresas que presten servizos ou fagan obras para o Concello que incorporen cláusulas para que persoas desempregadas ou en risco de exclusión poidan traballar. Tamén queremos crear sementeiras de emprego nos postos baleiros dos mercados nas que haxa un aparellador, unha quiromasaxista... Todos eles tamén revitalizarán ás prazas. O BNG-Asembleas Abertas non ten nada que inventar, só hai que aproveitar o que temos.

Fala das cousas negativas do Goberno municipal de Carlos Negreira. Fixeron algo bo?
Nada que compense o mal das obras da Mariña e do Parrote. Houbo que pedir préstamos a entidades bancarias e iso implicou un maior endebedamento do Concello e que se incrementase a débeda viva. Ademais esto provocou un progresivo abandono e deterioro dos barrios.

Se conseguen a alcaldía, baixarán os impostos?
O BNG-Asembleas Abertas vai facer unha política dende a equidade e a xustiza social. Hai que revisar o IBI e aproveitar que a lexislación permite que haxa maiores bonificacións a casos determinados; os desempregados e pensionistas non terían por que pagar as taxas públicas; eliminaremos o copago e a taxa por casar e axustaremos a factura da recollida do lixo ao servizo. n

“Imos revisar impostos como o da recollida do lixo e suprimir o copago”