A Asociación de Veciños da Cidade Vella faise eco de numerosas queixas recibidas por parte de persoas residentes que, cumprindo os requisitos de estar domiciliados e ter o vehículo censado neste barrio, viron como nas oficinas municipais se lles negaba a expedición da tarxeta de residentes para estacionar na Cidade Vella dentro do que desde o concello da Coruña se denomina “Primeira Fase” do plan de peonalización do Casco Histórico.
As queixas proveñen de residentes das rúas de Maestranza, Campo da Estrada, Troncoso, Xeneral Alesón e Paseo da Dársena, entre outras, dándose a circunstancia que nalgunhas destas rúas está totalmente suprimido o aparcamento e, en tódolos casos, os problemas para estacionar os vehículos de residentes se verán multiplicados a partir do inicio da citada “Primeira Fase” a mediados do presente mes de agosto.
No decurso dunha recente xuntanza mantida coa a concelleira de Mobilidade Begoña Freire, membros da xunta directiva da asociación fixeron patente o total rexeitamento a esta decisión discriminatoria, que crea un malestar innecesario e inconveniente para a implantación dunha peatonalización ordenada e consensuada do Casco Histórico.
Ante a presunción de que se pretenda por parte do concello que a solución aos problemas de aparcamento pase por que os residentes “pasen por caixa” dos concesionarios dos aparcamentos soterrados da zona, reiteramos diante da concelleira de Mobilidade a nosa postura de defender os intereses das clases medias e baixas que configuran a maioría social dos residentes na Cidade Vella.
En carta circular enviada ás persoas asociadas, a xunta directiva da A.VV. insta aos residentes aos que lle foi denegada a acreditación de aparcamento a formular a oportuna reclamación nas dependencias municipais á maior brevidade posíbel.