A innovación tecnolóxica como motor do futuro

A crise do COVID puxo de manifesto que a tan necesaria modernización tecnolóxica que todos albiscabamos no futuro próximo xa non podía seguir agardando. A tecnoloxía permitiunos teletraballar, facer a compra, resolver trámites e incluso estar en contacto cos nosos familiares, a crise do COVID mudou hábitos e formas de relación e empuxou aos máis remisos a empregar as novas tecnoloxías para poder seguir en contacto co mundo. 


A inversión en innovación e en tecnoloxía non é só unha forma de mellorar a calidade de vida das persoas senón que a aposta decidida pola I+D tecnolóxica leva consigo unha maior produtividade científica e por tanto a creación dun maior número de produtos de alto valor engadido susceptibles de ser patentados. E o mais importante neste momento, os modelos económicos que apostan pola investigación, o desenvolvemento e a innovación presentan unha maior resistencia á hora de sufrir unha crise económica.


Na Coruña e o seu cinto máis próximo hai hoxe 505 empresas vinculadas ao sector tecnolóxico, facturan 1.100 millóns de euros, case a metade da cifra de tódalas tecnolóxicas galegas xuntas. Ademais, na provincia da Coruña concéntrase o 55% do emprego existente en Galicia vinculado ás novas tecnoloxías. Non todas son grandes empresas, a gran maioría son pequenas e medianas compañías que teñen algo en común: capacidade de emprendemento e un gran talento.


A responsabilidade política que temos coa nosa comunidade, pero tamén cos nosos fillos, pasa por adiantarnos aos cambios, por brindar todo o noso apoio á innovación tecnolóxica, ao noso talento emprendedor, e a todo aquelo que, máis pronto que  tarde, será o motor económico do  mundo no que vivimos. O que xa é unha realidade a  nivel global, empeza a selo tamén a nivel local. Temos que ser capaces de dar forma a un auténtico ecosistema galego de empresas tecnolóxicas que converta Galicia nun gran polo de atracción de proxectos TIC. A cidade das TIC, apoiada e impulsada polo Goberno de Inés Rey poder ser ese gran proxecto estratéxico que permita dar ese pulo a un sector fundamental para o futuro da Coruña e de Galicia.


Galicia conta cun sector TIC forte, cunha gran cantidade de empresas tecnolóxicas e con moito talento pero precisa un proxecto integrador que agrupe a todas esas compañías baseadas no coñecemento, centros tecnolóxicos e de formación, laboratorios de innovación e que preste servizos de lanzamento e acompañamento para pequenas empresas innovadoras.


Ás Administracións públicas correspóndenos apoiar e acompañar ás empresas nese gran obxectivo de construír un auténtico polo de innovación xa que o contrario suporía non estar á altura da evolución da sociedade e a perda dunha oportunidade histórica.  


*José Manuel Lage Tuñas, Concelleiro de Economía do Concello da Coruña



A innovación tecnolóxica como motor do futuro

Te puede interesar