Martes 26.03.2019

A fervenza ludómana

Ana Miranda, deputada galega no Parlamento da Unión Europea, pídelle unha resposta á Comisión da UE sobre o aumento de máquinas e casas de apostas no ámbito territorial do noso país, especialmente na áreas e lugares populares e cun gran impacto entre menores de trinta anos; porque “xa non existe barrio galego sen casas de apostas, moitas destas zonas afectadas pola crise económica, co que cómpre poñer en marcha un maior control sobre as apostas, xa que supoñen un grave prexuízo para a mocidade, ao potenciar o xogo compulsivo e o incremento dos casos de adicción pois as persoas mozas son os consumidores máis vulnerables”, salienta. 

A eurodeputada nacionalista lembra a Recomendación da Comisión, emitida fai un quinquenio, sobre a protección dos consumidores e usuarios de servizos de xogo en liña e a prevención do xogo entre os menores, aspecto que precisa incrementar aínda máis a súa regulación no ámbito comunitario, en especial a favor das persoas máis vulnerables. Para iso é necesario un cambio radical na política de permisividade que lle dá preferencia ao afán recadador para encher o peto da facenda pública no canto do aspecto de saúde humana que debe prevalecer nunha consideración racional de valores sociais; evitando o risco psicolóxico que induce esta práctica. 

Precísamos unha campaña de información, sensibilidade pública e pautas educativas que doten ás persoas da capacidade para evidenciar o risco que supón esta actividade lúdica. Moito máis, se cabe, a limitación publicitaria que vén facendo uso e reclamo da imaxe de prestixio e influenza de personalidades do mundo da televisión ou do deporte ata o punto de vulnerar a normativa actual sobre a publicidade do xogo. É indiscutíbel que este xeito de mirar de esguello, da autoridade supervisora sobre o elemento propagandístico, “favorece o caso de adicción entre a mocidade ou xente falta de capacidade autocontrol, xa que percibe como persoas referencias a eses persoeiros que logran trasladar a imaxe de que estas actividades do xogo son algo positivo”. Todo o contrario dunha realidade que afecta negativamente ao persoal e logo, coa posterior extensión, ao familiar. 

Sabendo que a ludomanía, adicción patolóxica aos xogos de azar, está a mudar o perfil das vítimas, pasando de persoas maiores con problemas coa máquinas comecartos a xente menor dos trinta anos, enganchados ás apostas deportivas e aos xogos en rede, estamos en tempo límite para canalizar esta fervenza ludómana.

A fervenza ludómana
Comentarios