Coa saúde non se xoga

A relación entre a saúde e a economía é evidente. A Covid-19 demóstrao con clareza, os poderes económicos mundiais sábeno ben e ben que se aproveitan de facer negocio co mal, con esta enfermidade e coas outras. O laboratorio que anunciou, recentemente, resultados esperanzadores dos seus estudios clínicos en persoas con alzhéimer agrandou, cerca dun nove por cento, o valor das súas accións. 
Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) a enfermidade de Alzheimer é a forma máis frecuente de demencia, con cerca do setenta por cento dos casos. Os datos ensombrecen a memoria dos sans: no mundo hai cincuenta millóns de persoas que padecen demencia e, de seguir así, en 2050 serán máis de cento cincuenta millóns. 

Perder a memoria é como perder a cabeza e ¨quen perde a cabeza, como di a Tía Manuela, pérdeo todo”. Os políticos, non. Algúns non lembran como se chama o lugar onde están alardeando arrogantemente do seu poder, esquecen o que dixeron, coa mesma arrogancia, onte ou antonte e son incapaces de entender e comprender que os atentos e curiosos espectadores manteñen a capacidade de pensar, o xuízo, o dereito a votar libremente e o dereito a desprezar o seu teatro.   

Os políticos son outra cousa. O escritor mexicano Marco Aurelio Almazán, di que son aqueles que pretenden impedir que a xente se preocupe polo que verdadeiramente lle interesa, son actores que aloumiñan a mentira cando queren ocultar a realidade. E, aí está. Un informe da OMS apunta que o custe anual da demencia a nivel mundial supera os 692.639 millóns de Euros, sen contar os desgustos e os pesares das familias, e sen ter en conta os esquecementos voluntarios ou os cambios bruscos de pareceres ou de interpretacións.

Os logros para deter esta enfermidade avanzan lentamente e dependen do facer da ciencia, da economía e da política. Cómpre que os gobernos traballen con intensidade para harmonizar a actividade desenvolvida polas autoridades de saúde e asistencia social, os profesionais da medicina, os investigadores e as organizacións da sociedade civil, tratando de mellorar a inversión en investigación e liberar á humanidade dos  ataques das  enfermidades perigosas. Para acadar este obxectivo é conveniente ter convencemento de que coa saúde non se xoga nin se negocia. 

Coa saúde non se xoga

Te puede interesar