Viven para o Camiño

Volvemos ao Camiño para seguir andando cara ao futuro. Estamos na Galicia de sempre enterrada entre mar e a terra, entre o val e a serra, entre ríos e paredes de pedra. Na Galicia das estrelas que nos miran e que nos alumean, na do sol que nos quenta e na das nevaradas que se retiran e que se esquecen. Temos mar para camiñar por el, temos Portugal ao lado e as terras de Sanabria, O Bierzo e Asturias cosidas a nós, como anacos da mesma peza, con fío xacobeo.
 

Máis de duascentas persoas achegaranse a Galicia para falar, conferenciar e debater sobre aspectos distintos do Camiño de Santiago, aquí e fóra, no Congreso Internacional de Asociacións Xacobeas, en Ourense, na ourela do Miño, na terra das augas quentes, a cen quilómetros de Santiago de Compostela. Veñen de doce países distintos e co mesmo fervor. Na memoria colectiva está presente aquel amigo, o cura do Cebreiro, Elías Valiña Sampedro.
 

Da organización encárgase a Asociación Cultural Amigos do Camiño Mozárabe-Vía da Prata Ourense, que preside José Luis Rodríguez Cid e da que é secretario José Antonio Quintas, outro entusiasta peregrino e, nesta ocasión, presidente do comité organizador  do Congreso. Os seus esforzos únense ao dos conferenciantes e relatores que participan nas distintas xornadas científicas e de divulgación dos valores do Camiño de Santiago. 
 

Galicia, efectivamente, é un espazo de interese xacobeo, con rutas atravesando as catro provincias e rematando o seu recorrido en Santiago de Compostela, na procura de que ninguén quede atrás e aproveitando a sensibilidade e a espiritualidade xacobeas para o desenvolvemento social e cultural do noso país e daqueles países, cidades e lugares por onde vén o Camiño de Santiago, por terra, por mar ou polo aire. 
 

As asociacións de Amigos, irmandadas e federadas ou por solitario, son agrupacións de voluntariado que achegan a palabra e os feitos á alma dos peregrinos e das sociedades de onde veñen e por onde que andan. Parabéns para todos aqueles que participan no Congreso, por deixarnos algo da súa ciencia e do seu saber. O compromiso de impulsar e promover as asociacións de amigos do Camiño ten data concreta, foi en 1985 naquela reunión de Santiago de Compostela, cando se nomea ao cura do Cebreiro como coordinador das accións xacobeas. 
 

O traballo daquel home que vivía na montaña luguesa acadou enorme importancia e hoxe, a Tía Manuela, xunto con don Elías Valiña, quere honrar tamén a un amigo, a un dos peregrinos peregrino, Alejandro Uli Ballaz, aquel que dividía á multitude xacobea en dous grupos: Os que “viven para o Camiño” e os que “viven do Camiño”. Vostede que pensa?

Viven para o Camiño

Te puede interesar