A Xunta puxo en marcha a denominada Estratexia do sector cárnico para consolidar Galicia como referente cun alto nivel de competitividade e sustentabilidade.
Esta iniciativa é a terceira impulsada polo Goberno autonómico para os principais eidos produtivos do agro galego, tras as do leite e do viño.
A primeira que viu a luz foi a do sector lácteo, que se está aplicando e que propiciou fitos como a mellora progresiva dos prezos ou o reforzo da posición negociadora dos gandeiros, grazas a ferramentas como a aplicación informática ‘Contaláctea’.
Posteriormente, púxose en marcha a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitinícolas de Galicia, que se centra en conseguir un sector consolidado e competitivo nos mercados nacional e internacional, cun enoturismo de referencia e con capacidade para xerar valor neses territorios de xeito sustentable.
No que atinxe á carne, esta nova estratexia, que tamén se fixo como as dúas anteriores en colaboración coa Fundación Juana de Vega, configúrase como unha folla de ruta que marca seis eixos para desenvolver ata o ano 2030, con 64 medidas e 174 accións.
O obxectivo xenérico é o de situar Galicia como rexión de referencia na produción de carne, cun alto nivel de competitividade e sustentabilidade. Trátase de chegar a dispor dun sector organizado e profesionalizado para fomentar unha industria competitiva, líder en calidade, ademais de mellorar o posicionamento nos mercados nacional e internacional e promover unha cadea de valor máis transparente e equilibrada.
A iniciativa pretende tamén fomentar unha sociedade concienciada coa importancia da produción cárnica galega e co seu valor nutricional, así como camiñar cara a un sector máis sustentable que coide o medio ambiente e garanta o benestar animal.
Todo isto tendo en conta o contexto internacional, no que cada vez cobran máis relevancia estas cuestións. Tamén, os retos derivados da remuda xeracional e da incorporación de novos profesionais o agro.
O primeiro eixo desta Estratexia xira arredor dun sector produtor organizado e profesionalizado e contempla medidas como a de adaptar a produción de carne ás demandas do mercado, con accións como a de avanzar cara a unha homoxeneidade da calidade da carne dentro de cada sistema de produción. Tamén promove a continuidade de granxas con viabilidade e facilitar a remuda no sector, a través de accións como a posta en marcha dun Banco de explotacións e de campañas de captación nas escolas de capacitación agraria e de formación universitaria das familias agrarias.
O segundo eixo céntrase en promover unha industria cárnica galega competitiva, líder en calidade impulsada pola tecnoloxía e o talento que garanta a soberanía alimentaria. Neste sentido, apóstase por medidas como a de fomentar a transformación da carne en Galicia, aumentar o peso das indicacións xeográficas protexidas cárnicas na transformación industrial ou optimizar os procesos da cadea produtiva.
O terceiro eixo da Estratexia persegue uns produtos cárnicos galegos mellor posicionados nos mercados
nacionais e internacionais, por medio de medidas como a de diversificar a oferta, aumentar a diferenciación e mellorar a presentación dos produtos, apoiando a creación de marcas de produtor, desenvolver novos produtos por pezas ou novos cortes comerciais ou por especies. Tamén se avoga por incrementar a demanda e o prezo medio das carnes galegas situándoas no segmento Premium do mercado, promovendo unha maior diferenciación de Ternera Gallega Suprema, entre outras accións.
O eixo número catro camiña a prol de acadar unha cadea de valor máis transparente e equilibrada, con medidas como o impulso ao asociacionismo e agrupación dos produtores, así como a mellora da interlocución e a transparencia entres os diferentes elos da cadea.
Propóñense accións como as de mellorar o coñecemento dos custos de produción para a aplicación da Lei da cadea alimentaria, crear unha plataforma de intercambio de datos para dispoñer de información de custos e marxes ao longo da cadea de valor ou modernizar as canles de venda do gando.
O quinto eixo sobre o que vertebra a Estratexia pasa por comunicar ao conxunto da sociedade as peculiaridades da produción de carne en Galicia, poñendo en valor o traballo de custodia do territorio e recursos e de fixación de poboación no rural. Tamén, posicionar a carne como unha fonte de proteína de elección e confiable, cunha narrativa baseada na evidencia científica sobre os beneficios nutricionais da carne e nos altos estándares éticos (ambientais e de benestar animal) requiridos pola UE para a produción de carne.
Por último, o sexto eixo ten como obxectivo acadar un sector cárnico máis sustentable desde o punto de vista ambiental e resiliente. Trátase de impulsar medidas para mellorar o asesoramento e a formación e a investigación, así como de mellorar a sustentabilidade reducindo o impacto ambiental e de preservar o status sanitario, benestar animal e seguridade alimentaria.