As prazas de abastos incorporan novos servizos para ser máis competitivas

As prazas de abastos incorporan novos servizos para ser máis competitivas
Zona de venda de peixe no emblemático mercado coruñés da praza de Lugo

O impulso das prazas de abastos galegas, coa calidade e o fomento da súa competitividade como liñas centrais, é o principal obxectivo que a Xunta se marca no novo Plan de mercados excelentes de Galicia 2016-2020. Para a súa posta en marcha e lograr que este proxecto teña éxito, o Goberno autonómico destina a esta iniciativa un total de 20 millóns de euros ata finais desta década.
O Plan, que nace como folla de ruta para a potenciación da rede de prazas de abastos de Galicia, inclúe ata 20 actuacións. Son medidas concretas que permitirán impulsar estas infraestruturas comerciais como espazos de emprendemento e de dinamización económica, e sempre tendo en conta os novos hábitos dos consumidores, así como a necesidade de que cada proposta se axuste ás características do territorio no que se circunscribe o mercado.
As asociacións de comerciantes e os concellos colaboraron coa Xunta de Galicia na elaboración deste novo proxecto, no que se recolle unha guía de boas prácticas na que se marcan as pautas que debe seguir un mercado para elevar os seus niveis de calidade e alcanzar así a excelencia. Esta guía tamén establece os requisitos que deberá cumprir cada praza para lograr o distintivo de Mercado Excelente.
A obtención de dito certificado permitirá ao mercado acceder a axudas específicas, ao tempo que incorpora unha ferramenta que contribúe a avaliar aspectos tan relevantes como a arquitectura, a xestión, a atención ao cliente, ou a propia actividade comercial.
A través deste Plan de mercados excelentes, poténciase o correcto acondicionamento do edificio, así como das súas instalacións e accesos. A idea é lograr que a praza de abastos ofreza unha imaxe homoxénea e atractiva para os clientes, tanto para os habituais como para potenciais compradores. Esta nova folla de ruta tamén presta unha especial atención á xestión eficiente e unitaria, para alcanzar a modernización dos mercados; ao servizo ao cliente, mellorando a súa experiencia de compra; e á posta en valor do compromiso dos mercados co medio, co produto local e co consumo responsable.

Expectativas
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través da Dirección Xeral de Comercio, elaborou este documento fixándose unha serie de metas que certifiquen que as medidas que se adoptan teñen un efecto positivo nos mercados galegos durante o próximo quinquenio.
Así, entre os obxectivos marcados está o de conseguir a incorporación á Rede de mercados excelentes de cando menos 20 prazas entre 2016 e 2020; incrementar nun 15% a ocupación actual das prazas, ata superar os 3.300 postos activos; ou aumentar nun 50% o asociacionismo, chegando ata os 45 mercados con estrutura asociativa.
Para acadar todas estas cifras, o Plan detalla unha serie de medidas estratéxicas, entre as que se atopan axudas para modernizar as prazas de abastos; para promover a venda por internet, a dixitalización, o envío a domicilio ou o servizo de personal shopper, que axuda a escoller o mellor produto, ou para impulsar a xerencia profesionalizada.
O documento deseñado pola Xunta busca, ademais de salientar o valor e potencial dos mercados galegos como xeradores de emprego e como eixos da vida económica e social das vilas e cidades, potenciar o seu atractivo a nivel turístico. Neste sentido, entre outras accións, o Plan aposta por aproveitar sinerxías, especialmente nas diferentes rutas xacobeas, coa creación da marca Mercados no Camiño, e o impulso á atención especializada e accións concretas dirixidas aos peregrinos.
A comunidade conta con 105 mercados e prazas de abastos con preto de 2.800 postos activos e 6.000 traballadores. Co Plan de mercados excelentes dáse un novo pulo á política de apoio a estas infraestruturas impulsada polo Goberno galego, que desde o 2009 leva apoiado investimentos que suman máis de 32 millóns de euros en 89 prazas de abastos, en colaboración tanto cos concellos como coas asociacións de comerciantes.

As prazas de abastos incorporan novos servizos para ser máis competitivas

Te puede interesar