Máis de 2.500 estudantes defenden o galego nunha nova edición da carreira Correlingua

Máis de 2.500 estudantes defenden o galego nunha nova edición da carreira Correlingua
Miles de mozos percorreron o paseo marítimo desde o pavillón de Riazor á Torre | quintana

A carreira Correlingua en defensa do galego chegou onte á cidade cunha multitudinaria edición que contou con máis de 2.500 estudantes. Rapaces de 23 centros de toda a contorna percorreron o paseo marítimo coruñés e foron recibidos á súa chegada a meta na Torre de Hércules pola actriz Isabel Risco.

Promovida por CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega e A Mesa pola Normalización Lingüística, a xornada xa é unha cita ineludible para moitos colexios e institutos, na que reivindican a posta en valor do idioma autóctono.

Durante a festa final actuou Cuarta Xusta, o grupo gañador este ano do concurso Cantalingua, que se celebra xunto con outros certames con anterioridade ao mes de maio e que pretende servir como aliciente nos centros educativos para traballar pola normalización da lingua en áreas como a música, o audiovisual, a creación literaria ou a banda deseñada.


Involucrar a todos
Baixo o lema “A lingua non para”, a organización pretende involucrar o alumnado de todas as etapas educativas de Galicia, desde Infantil a Bacharelato, na reivindicación do uso do galego. Así, “ledicia”, “riquiño”, “lareira” ou “espantallo” escoitáronse onte pola cidade acompañadas da socorrida lingua dos Rolling Stones estilo “galaico” e pancartas con frases como “O futuro do galego depende de nós”.


O vindeiro luns tocaralle a Santiago de Compostela acoller a marcha, mentres que o martes terá lugar a festa principal deste ano, que será na cidade de Pontevedra. Ao día seguinte serán os rapaces e rapazas de Lugo quen correrán pola lingua e a semana rematará con máis carreiras e festas na Mariña, no Baixo Miño e en Ourense.
Así, os estudantes coruñeses voltaron pedir, un ano máis, que o galego medre en todos os ámbitos, desde o coloquial ata as altas esferas. A lingua nos une e, como eles din, non para.

Máis de 2.500 estudantes defenden o galego nunha nova edición da carreira Correlingua

Te puede interesar