Entrevista a Carretando | “Coas nosas temáticas intentamos axudar a comprender a sociedade”

Carretando é un espazo de divulgación sobre política e sociedade galega. Nace hai tres anos na Facom, como un podcast impulsado por un grupo de alumnos de xornalismo con inquedanza e fame de contar as cousas dun xeito distinto. Agora, o proxecto vai máis alá do audio e prepara a súa quinta tempada.
Entrevista a Carretando | “Coas nosas temáticas intentamos axudar a comprender a sociedade”
Pablo Rañales, un dos cofundadores do proxecto, entrevistando á candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón

A paixón polo xornalismo e a política son dous sentimentos sen os que se pode entender o día a día na Facultade de Ciencias da Comunicación.


Por este motivo, é normal atoparse con iniciativas audiovisuais construídas orgánica e harmonicamente sobre elas. 


Estas, se non se difuminan nos “un día de estes” ou nos “cando rematemos os exames”, acaban sendo o xerme de proxectos tan interesantes como Carretando.


Carretando é un espazo de divulgación e análise politolóxica centrado no ámbito galego.


Combina o tratamento dunha temática que interesa moito á mocidade —a pesar do que poida parecer— e unha linguaxe a medio camiño entre as novas tendencias —como o uso do podcast e as redes sociais— e as pezas televisivas máis tradicionais —como os documentais do seu especial chamado ‘Das aulas a San Caetano’—.


O xornalista e escritor Pablo Javier Rañales (Mugardos, 1999) é un dos seus fundadores e integrantes.

 

Como e por que nace Carretando?
A partir de conversas sobre política na cafetería da Facom. É froito da inquedanza dun grupo de mozos aos que lles gustaba o formato podcast e que tiñan a esperanza de que se podía facer podcasting en galego e cunha visión do xornalismo diferente; a dun xornalismo máis lento e interpretativo.

 

“O proxecto nace na Facom, entre as mesas da cafetería, cun grupo de estudantes que quere facer un tipo de xornalismo que lles gusta sobre unha temática que lles interesa”

 

Quen conforma o equipo?
Nestes momentos, somos catro xornalistas e dous politólogos: Adrián Vázquez, Carmen del Río, Román Varela e eu somos os xornalistas. Yannick Juncal e Julio Iglesias son os politólogos.

 

 

 

Cal é a vosa rutina? Como vos organizades?
A organización foi mudando ao longo do tempo. Agora mesmo, tendo en conta que ademais dun podcast somos unha newsletter e temos unha derivación de redes, establecemos coordinadores. Todos participamos no guión, pero temos responsables de área. Román Varela encárgase das redes, Carmen da newsletter, Adrián da edición e eu, en certa maneira, atendo as necesidades xerais.

 

Que valoración facedes do traballo realizado ata o momento?
Sabendo que este tipo de proxectos non son economicamente sostibles, moi boa. Creo que nós intentamos cumprir sempre coa máxima de que as nosas temáticas axuden a comprender a sociedade, por iso falamos de reto demográfico, de turismo ou incluso a conexión entre o fútbol e a política.

 

“Intentamos que as nosas temáticas axuden a comprender a sociedade, por iso falamos de reto demográfico, turismo ou incluso a conexión entre o fútbol e a política”

 

Xa ten tres anos o proxecto. Onde quere chegar? Cales son os seguintes obxectivos que ten?
Realmente, crear sostibilidade arredor do proxecto. Ao final Carretando nos repercute moi positivamente en termos de reputación, e agora o que nos gustaría é que o proxecto axudase a crear unha esfera pública onde puidese poñer o seu gran de area nos temas que nos interesan como sociedade. É dicir, queremos que sexa unha peza máis dun conxunto de medios que falen dos temas que afectan ao noso territorio; os problemas colectivos. Creo que os medios temos que analizalos.

 

 

 

Despois das eleccións autonómicas, tedes na mente algún outro especial para levar a cabo proximamente?
Non (risas). O que imos facer é descansar e despois volver á nosa dinámica. Este formato especial fixémolo polas eleccións galegas, pero en certa medida tamén o que queriamos dicir é que hai talento, hai posibilidades e hai equipo. Só falta que economicamente isto sexa viable. Hai unha precariedade enorme na industria xornalística galega, pero máis alá diso hai moitísima xente con talento que fai cousas incribles e cunha calidade enorme. Ese era un dos nosos obxectivos, pero non son sostibles ao longo do tempo.

Entrevista a Carretando | “Coas nosas temáticas intentamos axudar a comprender a sociedade”

Te puede interesar