Os Caneiros, a insólita romaría sen santo que nace no Mendo e medra no Mandeo

Os Caneiros, a insólita romaría sen santo que nace no Mendo e medra no Mandeo
Embarcacións atracadas antes do campo dos Caneiros na primeira xira deste ano, celebrada o pasado 18 de agosto | CARLOTA BLANCO

Como cada ano desde hai máis dun século, Betanzos clausura as celebracións de San Roque coa segunda xira aos Caneiros. Unha cita centenaria –multitudinaria en asistencia– que naceu no Mendo, ao carón da extinta capela de San Bernardo, nas Cascas, e ‘evolucionou’ no Mandeo.  Unha excursión para compartir as sobras das contundentes comidas  do día 16 de agosto que inspirou a escritores de aquí e de alá, que algún investigador vinculou á ‘Vinalia Rustica’ romana e que, case 150 veráns despois, amosa dúas caras: unha no río, a que apenas mudou respecto as súas orixes, e outra no campo, a que anoxa a moitos veciños da cidade por tratarse de costumes importadas doutros territorios de España.


A ampliación da estrada de Betanzos a Compostela acaba coa derruba da capela pero a celebración no Mendo, o día 17 de agosto, segue algúns anos máis, mesmo coexistindo coa do Mandeo, que se establece no 18. Así o recolle o historiador Xesús Torres Regueiro nun artigo do número 24 do Anuario Brigantino (2001): ‘Os Caneiros dos Inicios’.


En agosto de 1892, según cita manuscrita da axenda de actos das Festas de San Roque que se conserva no Arquivo Municipal de Betanzos, a comisión organizadora reseña unha “excursión monstruoformada por multitud de hermosas embarcaciones de recreo, lujosamente ataviadas con banderas, flores y otros adornos dirigiéndose por el poético río Mandeo a las incomparables praderas de los Caneiros a donde concurre numeroso gentío por mar y tierra a disfrutar del paisaje más bello que existe en estas deliciosas Mariñas”. 


Nos anos seguintes, a do Mendo desaparece do calendario do San Roque sendo a última convocatoria oficial a de 1902 coincidindo coa entrega do Lavadoiro das Cascas, construido para a cidadanía polos García Naveira. 

Caneiros antiguos p puig 14351341
Catro fotografías do coruñés Pedro Ferrer tomadas entre os anos 1915 e 1919, da colección de imaxes antigas do fotógrafo Pedro Puig


“Quizá ao tratarse de dúas celebracións seguidas, a xente deixaría de acudir á das Cascas reservándose para a dos Caneiros que ía adquirindo un maior atractivo, polo novidoso, pola excursión fluvial e por ser a preferida das familias burguesas e das suas sociedades recreativas”, reflexiona Torres Regueiro.


En calquera caso, a crónica máis antiga sobre Os Caneiros (Mandeo) é de 1889 e aparece no semanario ‘¡Ya Somos Tres!’. O seu autor é ‘Mala-Racha’, seudónimo de Adolfo Vázquez, que escribe sobre a xira do 25, que xorde da necesidade de compartir tamén as sobras do San Bartolomé ou do San Paio, que se celebra o 24. 
Non se sabe se aquel ano tamén se celebraran o 18 ao non existir programa oficial, pero si está no de 1890 como “tradicional” xira a Os Caneiros. 


‘Mala-Racha’ describe con evidente entusiasmo a convocatoria: “En los Caneiros –decía un amigo mío– debía hallarse el Paraíso terrenal de que nos hablan los autores católicos, y allí deberá encontrarse el otro Paraíso que prometió Mahoma a los suyos”, ao tempo que incide na importancia desta xira como colofón para o San Roque. “Después de la fiesta de San Bartolomé, que con gran algazara se celebró en Sampayo y donde vimos un buen número de familias de Betanzos y donde se cantó, se bailó, se comió y se bebió de lo lindo...”. Unhas singularidades que, adiantos e indumentarias aparte, si se manteñen sen alteracións neste 2024. 


Así, se agora o costume –incluso o consello oficial– é a comodidade, daquela Os Caneiros eran un escaparate de moda e ostentación que as clases acomodadas aproveitaban para lucir os seus mellores traxes e vestidos; sombreiros e zapatos, algo impensable na excursión ‘evolucionada’ do XXI.

Caneiros originales pedro puig 14363004
Catro fotografías do coruñés Pedro Ferrer tomadas entre os anos 1915 e 1919, da colección de imaxes antigas do fotógrafo Pedro Puig


Nesta historia centenaria consta unha terceira xira, actualmente desaparecida, o día 9 de setembro, claramente vinculada á romaría dos Remedios e, de acordo cos escritos da época, ás clases populares de Betanzos. Por iso, nunha crónica da convocatoria de 1893 aparecen “muy concurridos por gente del bronce (...) La clase elevada y media brilló por su ausencia”, recolle o traballo de Torres.

 

Coruñeses ilustres

Desde os inicios, son moitos os coruñeses que acuden á romaría do Mandeo, como consta que asistiu Emilia Pardo Bazán ou José Rodríguez Martínez (Médico Rodríguez), e mesmo as celebracións da Coruña chegaron a contar, como ocorreu en 1896, sen esquecer os “trens especiais para a ocasión” de comezos e mediados do século XX ou a concorrencia do alcalde Molina.


No programa de festas de San Roque de 1902 reprodúcense as primeiras fotografías da xira fluvial, tomadas en edicións anteriores por Alejandro Avrillón, e Antonio Portela, establecido en Madrid e recoñecido nos mesmos anos pola Sociedade Fotográfica Madrileña por unha imaxe dos Caneiros de Betanzos.


Da capital, en 1912, coa celebración de evidentes raíces burguesas xa consolidada, tamén se desprazou medio milleiro de veciños, no marco dunha viaxe á Coruña organizada por ‘La Tribuna’. Non en balde, un dos seus máis destacados redactores era Alejandro Pérez Lugín, un entusiasta da cidade e a súas tradicións quen, dous anos despois da excursión, non dubida en pasear por Betanzos e Os Caneiros a Carmiña Castro, a namorada de Gerardo Roquer na súa célebre novela ‘La casa de la Troya’.


Entre os que asistiron a aquela curiosa romaría madrileña figuran tamén os escritores Sofía Casanova, Francisco Camba, Wenceslao Fernández Flórez ou Linares Rivas, algúns dos cales residían entón e Madrid, así como o caricaturista Tovar.


Daquela, numerosos establecementos comerciais, sobre todo adegas e casas de comidas, ofrecen os seus servizos para a romaría, do mesmo xeito que Claudino Pita, o creador do Globo de San Roque, anuncia ‘farolillos’ para adornar as embarcacións na travesía de volta á Ponte Vella.

 

Terreos

O campo dos Caneiros emprázase no lugar do mesmo nome –polas pesqueiras alí existentes na antigüidade– na parroquia de San Vicente de Armea, en Coirós.


O Concello de Betanzos comprou hai máis dun século estes terreos, que despois iría ampliando e acondicionaría cun embarcadoiro, un palco e a plantación de plátanos, moitos deles en pé no medio dos Caneiros. Unha adquisición inicial, a de comezos do XX, en resposta ao malestar dos seus titulares, cansos de que os asistentes acabaran cos seus cultivos dos “Campo de Mempás”. Más de cen anos despois segue sen estar claro como se fixo, pese ás 1.500 pesetas que aparecen nuns orzamentos da época e das sucesivas discusións que sobre a cuestión tiveron os munícipes de Betanzos. Nos anos 20 adquiren máis fincas, por outras 1.600, e a última compra consta en 1950, segundo a investigación realizada polo cronista oficial da cidade, José Raimundo Núñez.
 

Os Caneiros, a insólita romaría sen santo que nace no Mendo e medra no Mandeo

Te puede interesar