Jueves 13.12.2018

Isabel Naveira: “A desigualdade segue existindo no audiovisual, o protagonismo das mulleres é menor”

A actriz Isabel Naveira (A Coruña, 1975), veciña de Meicende, recibirá mañá no centro cívico arteixán o recoñecemento do Concello como “Muller de Arteixo 2017”, un galardón creado este ano dentro dos actos reivindicativos do Día da Muller.

Isabel Naveira é natural de Meicende e interpreta a Raquel na serie da TVG “Serramoura”	patricia g. fraga
Isabel Naveira é natural de Meicende e interpreta a Raquel na serie da TVG “Serramoura” patricia g. fraga

A actriz Isabel Naveira (A Coruña, 1975), veciña de Meicende, recibirá mañá no centro cívico arteixán o recoñecemento do Concello como “Muller de Arteixo 2017”, un galardón creado este ano dentro dos actos reivindicativos do Día da Muller.

Como senta recibir este premio e ser profeta na súa terra? 
O Concello quere inaugurar ese premio e creo que o feito de que o reciba eu é unha maneira de visibilizalo por ser unha cara máis ou menos coñecida, máis que porque eu sexa merecedora del a estas alturas da miña vida. Entendo que este galardón é para recoñecer labores das mulleres traballadoras de Arteixo e quizais a min aínda me queda moito que demostrar.

Cre que son suficientes as reivindicacións no Día da Muller ou o feito de que existan amosa que queda moito por facer? 
Non están mal as reivindicacións.Ao mellor nun momento da miña vida pensei que eran excesivas e foi un erro. A miña xeración igual pensou que as cousas estaban xa moi feitas como mulleres, que ese feminismo radical estaba obsoleto e xa non tiña sentido e igual nos equivocamos. Elas fixeron un camiño importantísimo, que debemos de seguir agradecéndolles, pero había que ir máis aló, porque hai cousas que seguen aí e cando chegan mal dadas, como nunha crise económica, volven a apalear no mesmo sitio: nas mulleres. Non podemos perder de vista que seguimos sen ter os mesmos dereitos que os homes. Quizais si na lei, pero non na sociedade.

Os actores masculinos da serie “Big Bang Theory” veñen de baixarse o soldo para que as súas compañeiras gañen máis. Hai igualdade no seu sector?
Existe, si, non sei se na diferenza de soldos, que seguramente tamén, porque moitas veces non sabes o que cobran os teus compañeiros. O que é certo é que a presencia feminina, a importancia e protagonismo que recae sobre mulleres é menor. Aínda que o soldo sexa o mesmo, poñendo o convenio coma referencia, sempre imos cobrar menos porque os nosos personaxes non son tan importantes. A desigualdade existe, ás veces de maneira sangrante, sobre todo infravalorando o traballo das mulleres.

Que opina das palabras dese eurodiputado polaco sobre que os homes deben cobrar máis? 
Unha manifestación dese tipo, no século que vivimos, debería de ser xa non condenada, senón humillada e ridiculizada por todos os seus compañeiros masculinos. 

Algunha vez foi discriminada por ser muller? 
Moi poucas veces sentín que se me estaba discriminando polo feito de ser muller, pero ves casos de pequenos acosos e actuacións que non deber ser tolerables. Aí volvo a reivindicar que debemos ser nós as que non toleremos as faltas de respecto, por mínimas que sexan. Esas tonterías que che fan sentir ás veces incómoda hai que denuncialas, a lei nos ampara e debemos facernos valer.

Como pode lograrse a igualdade se aínda se educa ás nenas na cultura de non alzar a voz pero os nenos que protestan teñen “madeira de líder”?
Eu, como nai, penso que hai que educar aos fillos de forma que, se teñen que berrar, o fagan, xa pedirán perdón despois. É un traballo de nós como nais e deles como pais, de toda a sociedade. O audiovisual é un dos mellores sitios para facelo, moitas veces non o aproveitamos. Temos que ensinar ás nosas fillas, tamén, que terán que vivir con quen lles chame “protestonas” por esixir respecto e deberán defenderse.

Que opina da polémica co espectáculo de Jorge Cremades na Coruña? 
Descoñezo ese espectáculo, pero creo que o machismo na comedia é algo excesivo. Aínda así, prohibir calquera manifestación artística é moi peliagudo, o que deberían de plantexarse as mulleres que van a eses espectáculos é que é o que lles fai graza exactamente deses micromachismos.

Que aporta Isabel Naveira á súa personaxe en “Serramoura”? 
A impulsividade, ese carácter de berrar nun momento de xenio e despois esquecer todo e perdoar. 

De quen se lembrará mañá ao recoller o premio? 
Aínda non pensei o que vou dicir (ri), pero reivindicarei a miña condición de muller, da que estou moi orgullosa. n

Comentarios