O Concello da Coruña celebra o domingo 15 de xuño o XXXVIII Día do Deporte na Rúa como colofón á actividade das Escolas Deportivas Municipais no curso 2024-2025. Nesta ocasión haberá un total de 92 clubs e entidades participantes, o que supón o récord desta celebración. "Desde o Goberno de Inés Rey estamos moi satisfeitos do éxito que ten esta histórica xornada, que permite a persoas de todas as idades coñecer de primeira man as diferentes disciplinas deportivas coas que contamos na cidade", indicou Manuel Vázquez, concelleiro de Deportes.
Todas as actividades se desenvolverán de 11.00 a 14.00 horas na contorna da Cidade Deportiva de Riazor. Os deportes náuticos terán nas praias de Riazor e Orzán. Todas as actividades son de balde e abertas a todas as idades. A cita ten como obxectivo promocionar as diferentes disciplinas deportivas que se practican na cidade, da man dos distintos clubs e entidades deportivas municipais, e dun xeito lúdico e participativo, achegar á cidadanía os beneficios da práctica deportiva.
O Día do Deporte na Rúa contará este ano con 62 modalidades deportivas diferentes dende o atletismo, baloncesto, bádminton, boxeo, ximnasia, escalada, marcha nórdica ou xadrez. Tamén haberá deportes náuticos como vela, piragüismo, waterpolo, paddlesurf ou surf entre moitas outras. E como novidades contarase con danza urbana, pickleball, pelota vasca e pentatlon militar.
Este ano, 92 clubs e entidades deportivas da cidade se suman á celebración do Día do Deporte, colaborando co Concello da Coruña co obxectivo de dar a coñecer as diferentes prácticas deportivas que se ofertan no municipio, completando unha programación deportiva ampla e diversa. Deste xeito, o Concello mantén o seu apoio ao sector deportivo da cidade, achegando o seu traballo á cidadanía, e fomentando a práctica deportiva para todos os gustos e idades. A xornada contará tamén cunha solta de pombas, que se realizará no stand fronte ao Palacio dos Deportes de Riazor ás 13.00 horas.