Jorquera acusa ao Goberno local de funcionar por inercia

Jorquera acusa ao Goberno local de funcionar por inercia
Francisco Jorquera

O presente da cidade, as potencialidades da Coruña, o balance de xestión do Goberno Local, os orzamentos do Concello para 2022, o BNG como alternativa e a vivencia persoal en María Pita son as cuestións que aborda Francisco Jorquera durante unha entrevista na canle de YouTube do BNG, que estrea unha nova sección titulada "Un café con...".


“A Coruña é unha cidade que ten enormes potencialidades, mais creo que existe a percepción xeral de que a cidade está a perder impulso”, di Jorquera. “Está a perder impulso no económico, estamos a perder a nosa industria, apostouse por unha hiperinflación de centros comerciais e a consecuencia é que hoxe moitos deses espazos son cascas sen contido e as rúas da nosa cidade están cheas de baixos baleiros”, refire.


Inercia

Segundo o voceiro do BNG no Concello, "estase a producir un moi preocupante incremento das desigualdades sociais", con barrios que están a sofrer un proceso de crecente degradación: “A miña sensación é que A Coruña é unha cidade que parece que leva anos funcionando por inercia”.


Para Jorquera, o problema é que o Goberno Local non ofrece solucións. "Mais ben el propio é un problema", di. “Temos un goberno municipal cada vez máis ensimesmado, froito das súas liortas internas e, o que é máis grave, dá a sensación de que carece de proxecto: non sabe que modelo quere para esta cidade”.


Neste sentido, Jorquera ve o BNG en condicións de ofrecer á cidade a alternativa que precisa, cun traballo nestes anos que avala a formación nacionalista para "ofrecer á sociedade coruñesa o proxecto de cidade, o modelo de cidade do que carece”.


Escala metropolitana

O BNG ve unha cidade “concibida a escala metropolitana, que mesmo vaia alén dos límites da nosa comarca”, sendo que A Coruña é “o corazón do Golfo Ártabro, a área máis dinámica da Galiza”, con "vocación de ser a capital económica e cultural", un "referente en políticas de progreso, de cohesión social, de calidade urbana”.


E canto á súa vivencia persoal, Jorquera fala dunha experiencia “grata”, pois a política municipal “é a máis próxima, máis a pé de rúa”. 

Jorquera acusa ao Goberno local de funcionar por inercia

Te puede interesar