Andrea Maceiras | “Vivir da literatura é unha aventura, pero non é imposible”

Andrea Maceiras | “Vivir da literatura é unha aventura, pero non é imposible”
A escritora Andrea Maceiras | ÉRICA ESMORÍS

A escritora cambresa Andrea Maceiras (1987) será a encargada de inaugurar a Feira do Libro este xoves ás 12.30 horas.  

 

Hai nervios? 
Máis que nervios, sinto moita ilusión. É unha honra poder abrir a Feira do Libro, é un recoñecemento especialmente bonito.

Que supón para vostede a feira? 
Forma parte da identidade cultural da cidade e supón unha gran oportunidade para descubrir novas historias, escoitar voces coñecidas e descoñecidas e, en definitiva, deixarse levar polos libros. Ademais, é unha feira que me permite evocar moitas escenas da nenez e da adolescencia, que lembro de toda a vida e pola que sinto un agarimo especial. Forma parte de todas as cousas bonitas que trae o verán.

 

Como ve o panorama literario en galego? É difícil poder vivir disto? 
Son optimista, temos moitas e variadas voces, con heteroxeneidade de estilos e xéneros. En especial, gústame salientar o papel da literatura infantil e xuvenil, tanto dentro do noso sistema literario como fóra do mesmo. Son moitos os autores e autoras recoñecidos a nivel nacional con premios e traducións. Para min, unha literatura que coida do seu lectorado máis novo é unha literatura que mira cara o futuro. Polo demais, vivir da literatura é difícil e supón unha aventura constante, pero non é imposible.

 

Que quería ser cando era nena?
Escritora, profesora e arqueóloga. De momento, levo conseguidas dúas de tres. Non descarto aínda o de descubrir tesouros dalgunha civilización perdida ou descifrar algunha lingua ignota (aínda que sexa a través do personaxe dalgunha novela). O bo da literatura é que permite cumprir moitos soños ou, polo menos, seguir soñándoos.

 

Que lles di aos máis pequenos cando dá algunha charla en colexios ou institutos? E que lle din eles a vostede, que é o que máis lles gusta dos seus libros?
As charlas en centros escolares son unha das experiencias máis bonitas que me trouxo a literatura. En moitos casos, son conversas profundas, moi lúcidas, que se saen da dinámica das clases. Creo que aprendo máis eu que eles. Agradecen que os libros falen dos temas que os preocupan: da emerxencia climática, da identidade e das emocións, do medo de sentirse diferente, da capacidade de atopar o lugar propio... Ás veces esquecemos que a infancia vive no mesmo mundo que as persoas adultas e que tamén ela ten medos reais. Sempre me pareceu que a literatura é a forma máis fácil de falar de cuestións difíciles.

 

Traballa xa na próxima novela? Pode adiantar algo?

Acabo de sacar dúas historias novas e estes últimos meses foron de revisións e correccións. 'El enigma de Siempreviva' (Premio Vila de Ibi) publicouse en abril e está recomendada a partir de 10 anos. É unha historia moi especial para min na que a protagonista, unha nena chamada Senda, descubre os segredos dunha vila
practicamente abandonada a causa da contaminación, logo de atopar a vella caixa de tesouros do último neno que viviu alí. Por outra parte, en maio saíu á luz 'El silbido de la sombra'. Trátase dunha novela para adolescentes que leva á súa protagonista, Lena, a interesarse pola cultura e as lendas da selva amazónica logo de coñecer a un rapaz que pertence a unha comunidade indíxena e que desaparece misteriosamente na selva.

 

Que referentes tivo vostede?
É imposible escoller referentes, non tería forma de non quedar curta. Ás veces, mentres escribo, descúbrome pensando nalgunha historia e, sobre todo cando estou inmersa nun proxecto infantil, volve á miña mente Matilda, de Roald Dahl, supoño que porque me gustan os personaxes que, coma ela, son diferentes.

Andrea Maceiras | “Vivir da literatura é unha aventura, pero non é imposible”

Te puede interesar