Este mércores 23 de xullo ás 19.30 h presentaremos o libro Ben mantidos. Historia cultural da gastronomía galega, de Xavier Castro Pérez, un ensaio documentado con rigor que percorre os pratos máis emblemáticos da nosa cociña —o cocido, o polbo, as empanadas, as vieiras— e propón unha interpretación nova e optimista da historia de Galicia a través da súa dieta atlántica.
A obra reflexiona sobre como a alimentación foi moldeando a identidade galega ao longo dos séculos, e reivindica esa herdanza común como un motivo de orgullo colectivo. Para Xavier Castro, os galegos estivemos sempre “ben mantidos”, e a nosa gastronomía é un reflexo dunha sociedade viva que soubo superar dificultades sen perder o seu carácter.
Xavier Castro é historiador e experto en cultura alimentaria galega. Impartiu docencia nas Universidades de Santiago e Rennes e na École des Hautes Études en Sciences Sociales de París, ademais de asesorar series e proxectos audiovisuais sobre historia e sociedade. Entre os seus libros destacan A rosa do viño, A mesa e manteis, Cociñeiras con talento ou Yantares gallegos. Historia de la dieta atlántica. En 2015 foi recoñecido co Premio Picadillo do Fórum Gastronómico polo seu labor como investigador e divulgador.
Acompañará ao autor na presentación Antonio Doce, médico e gastrónomo.
No evento terá lugar unha cata de varios viños que gozan de gran recoñecemento, da Eco-Adega Leive (D.O. Ribeiro), presentada por Manuel García Docampo.
É necesario reservar praza no correo: acab@mundo-r.com