Este sábado, 28 de xuño, a biblioteca e centro de documentación ambiental do Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) inicia a programación de verán cun contacontos familiar que pretende achegar a natureza do noso territorio á infancia.
Creado pola educadora ambiental e contadora de historias Inma Soto, ‘Xela, aventura na fraga’ é a segunda entrega dun conto protagonizado por unha nena que vive no rural. Con ela, pretende mergullarse coas familias participantes no bosque galego, a fraga, e seguir os rastros e pegadas de animais que alí se atopan.
Inma Soto é a autora e mediadora da actividade, que movida polo seu entusiasmo e amor pola natureza, creou este proxecto de educación ambiental para despertar a sensibilidade, o apego cara o mundo que nos rodea. Os contos e as historias son unha das formas que ela atopa para comunicarse, para viaxar a través da palabra a mundos de diferentes cores e formas e, ao regreso, recoñecer mellor o noso universo.
A actividade terá lugar no xardín do Pazo de Lóngora (Oleiros) ás 12 horas, e terá unha duración de hora e cuarto, aproximadamente. Está dirixida a nenos e nenas a partir de 4 anos, que poderán asistir acompañados de pais/nais ou outros familiares.
As prazas son limitadas, polo que é preciso inscrición a través da web do CEIDA ou no teléfono 981 630 618.