En 1925, no número 19 da Revista Nós, Uxío Carré publicou "A lênda de San Amaro, o pelengrino", que recolleu na freguesía de San Miguel de Figueiroa, Abegondo.
Como lle aconteceu tamén a outros santos irlandeses e bretóns, Amaro sente a necesidade de internarse no grande océano e viaxar cara ao oeste, na procura dunha illa. É quen de atopala. No seu interior descobre un gran valado. Un velliño coida da porta. Non lle permite entrar, mais si mirar pola fechadura. No interior albisca un xardín marabilloso, onde cantan os paxariños como nunca antes tal escoitara. O vello dille que xa é de abondo. Cando Amaro retorna á ribeira, xa non atopa os compañeiros senón unha cidade que leva o seu propio nome.
Pasaran 300 anos, porque Amaro estivera a ollar o xardín do Paraíso, onde os minutos son eternidades.
Dende o ano 2019, “In nave civitas” armamos unha pequena celebración: a recreación da lenda do santo navegante no mesmo lugar onde Uxío Carré a apañou. Isto é, na freguesía de San Miguel de Figueiroa, onde celebran o Santo Amaro no día do Pentecostés. Alí estaremos, o domingo 8 de xuño, nas ruínas da súa capela. Unha celebración que é tamén aperta atlántica. Amaro -alén de lle dar nome á famosa praia da Coruña- é o santo padroeiro das galegas e dos galegos de Lisboa.