A obra, baseada en feitos reais, debulla a escuridade da trata de persoas, a prostitución, a violencia institucional ou a invisibilidade das mulleres migrantes a través dunha viaxe vital e xeográfica entre o Camerún orixinario da protagonista até A Coruña. Unha viaxe que, malia toda a dureza, abre as portas á esperanza
A peza, dirixida por Laura Míguez e protagonizada por Camille Hedouin e Alixa Ladson, conta co financiamento da Deputación da Coruña e estrearase no Teatro Colón da cidade herculina.
Redrum Teatro estrea este venres Sophie non é o meu nome de guerra, obra escrita por Roberto Pascual galardoada en 2021 co Premio Rafael Dieste de textos teatrais que convoca a Deputación da Coruña. A institución provincial financia a produción, cuxa estrea se celebrará ás 20.00 horas deste venres no Teatro Colón da cidade herculina. Redrum conta con Laura Míguez para a dirección desta obra, ópera prima como dramaturgo de Roberto Pascual, investigador teatral, profesor na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia e director da Mostra de Ribadavia entre 2009 e 2024. As actrices Alixa Ladson e Camille Hedouin protagonizan a montaxe. Aínda quedan algunhas entradas, que son gratuítas e se poden retirar dende a web do Teatro Colón ou a través da plataforma Ataquilla.com.