O Concello de Bergondo conmemorará este sábado, 17 de maio, o Día das Letras Galegas 2025, no que se homenaxea ás cantareiras e á poesía popular oral, coa súa XVI Ofrenda Floral na que tamén haberá actuacións musicais e presentacións literarias.
O acto terá lugar na explanda da Senra a partir das 11:40 horas, momento no que actuará a Agrupación de Música Tradicional de Bergondo. Logo, ás 11:55 horas, o autor Xosé Luis Mosquera Camba fará unha intervención sobre o seu libro ‘Trece maneiras de mirar un almanaque’ e ás 12 horas terá lugar a tradicional ofrenda floral realizada pola alcaldesa, Alejandra Pérez Máquez, e outros membros da corporación municipal.
Para poñer fin ao acto, ás 12:30 horas haberá un pequeno concerto no anfiteatro da Senra (se chove trasladarase ao auditorio) de As Fillas Bravas de Momán, que levan xa dez anos espallando por todo o país as voces das cantareiras.
Previamente, o Concello lanzou unha nova edición dos seus xa tradicionais concursos polas Letras Galegas dirixidos a toda a poboación maior de 3 anos empadronada no municipio ou que cursase estudos nalgún dos seus centros educativos: XXVI Certame Literario ‘Bergondo nun conto’, XIX Concurso de Marcapáxinas, e o IV Concurso de Vídeo.