Mesturar o allo co bugallo

O desenvolvemento das tecnoloxías da información e das comunicacións, con Internet como principal canle e fonte de relación, supuxo unha revolución na comunicación cun novo paradigma, a universalización do acceso á creación e transmisión de contidos. Esta explosión da capacidade de compartir ou difundir no medio cibernético subverteu a comunicación tal e como viña producíndose fai apenas unhas poucas décadas atrás, e fomentou a asimetría da información. As institucións e medios de prensa, xeradores, depositarios e transmisores da información compiten agora, non só como fontes de información e informadores, senón tamén como creadores de opinión e axentes de mobilización social coas xentes do común, alleas á relación cos medios poderosos que, coa proliferación de redes sociais, forman o colectivo de cidadáns informadores.


Diante deste panorama, caben tres posturas á hora de procurar a información e o coñecemento. Por unha banda, a busca da información contrastada e veraz. Alternativamente, sucumbir á desinformación, optar pola burbulla social que, con aparencia de liberdade e universalidade, crean determinadas redes sociais, e pola asimilación de reclamos e mensaxes demagóxicas construídas con finalidade propagandística. Finalmente, existe a opción de desistir de informarse; de renunciar a levar a cabo as accións necesarias para obter información contrastadas, veraz e útil; de pretender un illamento informativo case imposible nun mundo que xa é pura aldea global. Esta última das posturas desemboca finalmente na ignorancia, que é tamén unha das consecuencias da desinformación. Situacións, ámbalas dúas, que converten ás persoas en presas fáciles da estratexia de manipulación intencionada dunha información ao servizo de determinados fins e intereses. Unha manchea de noticias falsas que apelan á superstición, ás emocións, ao desasosego e ao malestar, que buscan intencionadamente conformar unha realidade paralela, trapalleira e que acaba disputando o espazo, no imaxinario colectivo, á realidade verdadeira, rivalizando co coñecemento experto e as informacións veraces que apelan á razón e á lóxica.


Un fenómeno sociolóxico relevante que está ser obxecto de cautelosos estudos en ámbitos científicos e académicos, caso de MIT americano que vén de crear un instrumento de simulación para reproducir os resultados reais que se dan nas redes sociais, con conclusión determinantes. A credibilidade que representa o emisor e a utilidade de propagar a noticia por el emitida, acadando deste xeito unha rápida expansión. A tendencia das persoas a conectar con esas liñas de pensamento ao límite. E, finalmente, a conformación de grupos de interese afíns á falsa noticia.


Perversa tendencia de mesturar o allo co bugallo que debe ser peneirada con sentidiño e tino.

Mesturar o allo co bugallo

Te puede interesar