Ao pé do mar, liberdade e altura

|

Co resplandor do volcán de Cumbre Vieja de La Palma picando nos ollos, en Gran Canaria desenvolverase, a finais desta semana, o I Symposium del Camino de Santiago entre volcanes, organizado pola Consellería de Turismo, Industria e Comercio do Goberno de Canarias, a través da Dirección Xeral de Ordenación e Promoción Turística, tratando de “darlle valor á situación de Canarias e ás súas vías singulares” co camiño de Santiago como punto de unión simbólica entre continentes. A importancia e valor do Camiño de Santiago, como elemento principal da identidade de Galicia e de Europa, coñécea ben o director Xeral, o noso paisano e respectado colega, Ciprián Rivas.


De Canarias, e entre eles, menores vulnerables de La Palma, viñeron recentemente a Santiago, andando desde Melide, peregrinando polo Camiño dos Valores e, coa xuíz Reyes Martel á cabeza, recolleron fondos para apoiar aos habitantes da illa máis noroccidental do arquipélago, alí onde o volcán segue provocando e forzando evacuacións, desastres e tristura. Sería conveniente que a cidadanía solidaria se integrara en brigadas de voluntariado para retirar a cinza, para axudar coas súas mans a facer tanto como hai que facer e refacer.


A NASA retratou o volcán e ensinoulle á humanidade a lava antes de converterse en rocha e cando xa era rocha dura. As imaxes circulan polos distintos medios e moita xente obsérvaas con total normalidade, como se fose o normal, como se estivera aí de sempre, para dar que ver e que falar.


Este desastre poida que algún día acapare a atención de turistas multimillonarios que, con crenzas ou sen elas, alonguen o Camiño, cando menos unha etapa máis, pasando ao lado da penuria de tanta xente e axudando, se se pode, ao fomento, á recuperación, promoción e desenvolvemento da actividade normal nos ámbitos social, cultural e económico.


A Conselleira de Canarias, Yaiza Castilla sabe que o Camiño de Santiago é un ben universal, unha riqueza sen igual, un espazo para a comunicación, para a unión de pobos, de lugares, de continentes e para a revisión dalgunhas ideas, aínda que sexan boas. A Tía Manuela xa o dixo, hai que viaxar a Gran Canaria para facer o Camiño e andar dende Maspalomas ata Gáldar, aloumiñando aos barrancos e en interacción coa fantasía da diversidade, “gozando, ao pé do mar, da liberdade e da altura, como xaponés Yusaku Maezawa goza da súa andaina polo espazo”.

Ao pé do mar, liberdade e altura