Un luxo demasiado caro

A fins de 2020 o Goberno de Inés Rey optou unilateralmente por prorrogar os orzamentos, sen sequera dialogar previamente cos distintos grupos para explorar as posibilidades de recabar apoios suficientes para conseguir a aprobación dunhas novas contas.


O BNG, daquela, criticou con contundencia esa decisión. Inmersos, como estabamos, na crise económica e social provocada pola pandemia, o Goberno Municipal renunciaba á principal ferramenta da que dispuña o Concello para facer fronte a esa situación. Advertíamos, ademais, de que os orzamentos dun ano non valen para o seguinte, pois as necesidades son cambiantes.


E advertíamos, tamén, do prexuízo que se lle causaba ás entidades do terceiro sector, que fan un traballo indispensábel para atender as distintas necesidades sociais, pois os Convenios con estas entidades non se poden prorrogar.


Pois ben, avanzado xa decembro de 2021 dos Orzamentos do Concello para 2022 aínda non sabemos nada. É dicir, no suposto caso de que ao final se aproben novos orzamentos, a aprobación definitiva producirase ben entrado 2022 e, mentres tanto, o Concello seguirá funcionando con contas prorrogadas. Pero non cos orzamentos prorrogados de 2021, senón cos prorrogados de 2020. Como denunciamos no Pleno do Concello da Coruña, nin nos parece serio nin cremos que sexa, precisamente, un exemplo de boa xestión.


Con este xeito de comportarse o Goberno de Inés Rey está a incumprir o acordo de investidura que asinou co BNG. Pero iso non é o máis grave. O máis grave é que o Goberno de Inés Rey está a incumprir coa nosa cidade. Porque A Coruña non pode permitirse o luxo de seguir sen orzamentos. 

Un luxo demasiado caro

Te puede interesar